A Xunta reforza a área deportiva do complexo de Monterrei cun investimento de máis de 400.000€ na renovación da súa pista de atletismo

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou que as melloras realizadas permitiron contar coa homologación da Real Federación Española de Atletismo, ao cumprir cos requisitos esixidos

O Goberno galego leva investidos 9M€ en obras no complexo deportivo, tanto na zona deportiva como na fase 1 do parque acuático

O Pereiro de Aguiar (Ourense), 28 de abril de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou hoxe a renovada pista de atletismo no Complexo Deportivo de Monterrei, no Pereiro de Aguiar, na que a Xunta investiu máis de 400.000 euros. Entre as actuacións levadas a cabo incluíuse a substitución do pavimento e a adaptación da instalación para cumprir cos requisitos esixidos pola Real Federación Española de Atletismo para a súa homologación.

Diego Calvo puxo en valor que estas melloras súmanse ao investimento de máis de 1 millón de euros realizado en 2021 para transformar a área deportiva do complexo. Así, actualmente, xunto coa renovada da pista de atletismo, as persoas usuarias teñen á súa disposición para a práctica deportiva outras instalacións como unha cancha polideportiva, dúas pistas de tenis, catro pistas de pádel e unha pista de pump track.

Esta contía de 1 millón de euros corresponde á fase 0 das obras no complexo lúdico e deportivo de Monterrei executadas pola Xunta ás que se engaden as actuacións da fase 1 do parque acuático que se realizaron en 2023 e 2024 coa posta en marcha, entre outros servizos, das piscinas infantil, de relax e de ondas, así como unha zona de splash, unha zona de xogos e varias atraccións. En conxunto, supón un investimento de 9 millóns de euros por parte do Goberno galego, no marco da colaboración coa Deputación provincial de Ourense, á que lle corresponde a execución das tres fases pendentes do parque acuático. Así, xa o ano pasado se licitaron por 3,7 millóns de euros as fases 3 e 4, que inclúen novos tobogáns e un parque multiaventura e a fase 2, cunha zona de relax cun río lento e espazos verdes.

Cómpre aclarar que ao orzamento destinado aos traballos para incrementar e mellorar as instalacións tanto da zona deportiva como do parque acuático, hai que engadir a aportación que cada ano a Xunta realiza no mantemento do complexo. Así, de cara a campaña de verán, xa se licitou por case 1 millón de euros a xestión integral do recinto coa previsión de contratar máis de 70 persoas para os servizos de socorrismo, atención sanitaria, así como para mantemento, limpeza, acceso, cafetería e equipo de supervisión.

O conselleiro de Deportes incidiu en que o complexo de Monterrei, coa súa área deportiva e o parque acuático, constitúe un dos principais espazos de lecer familiar e para a práctica de actividade física da comunidade e demostra o compromiso da Xunta coas infraestruturas deportivas que permitan o fomento do deporte entre a poboación, neste caso aproveitando o espazo natural da contorna. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/04/2026