A Consellería de Sanidade publica a orde de subvencións para realizar programas de carácter sociosanitario
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria e as bases reguladoras das axudas, ás que se destina un orzamento de 300.000 euros
O obxectivo é apoiar a realización de actividades destinadas a persoas con especiais necesidades de atención sociosanitaria asociadas ás enfermidades neurodexenerativas
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a orde da Consellería de Sanidade pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para entidades privadas sen ánimo de lucro co fin de realizar programas de carácter sociosanitario no presente ano.
Para o financiamento destas axudas está previsto un orzamento de 300.000 euros.
Estes programas están destinados a realizar actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas con especiais necesidades de atención sociosanitaria asociadas ás enfermidades neurodexenerativas (incluíndo alzhéimer, demencias e párkinson), dano cerebral adquirido, parálise cerebral, enfermidades raras, epilepsia, linfedema, síndrome de Down e outras patoloxías crónicas graves ou de evolución prolongada que precisen intervención sociosanitaria.
A finalidade é aumentar a autonomía, paliar as posibles limitacións e favorecer a rehabilitación e integración das persoas que compoñen os ditos colectivos.
O programas subvencionables serán de carácter sociosanitario no eido da rehabilitación fisioterapéutica, logopédica, cognitiva, terapia ocupacional e apoio psicolóxico, destinados á atención e rehabilitación dos colectivos correspondentes ás enfermidades referidas.