A Xunta impulsa un programa pioneiro de titorización para deportistas de alto nivel
A iniciativa lévase a cabo en colaboración con Youbefy e ten como obxectivo acadar a inserción laboral cara ao final da carreira deportiva cun itinerario integral que combina formación especializada, mentorías individualizadas e acceso a oportunidades profesionais
A posta en marcha do programa canalízase a través da Oficina de Atención ao Deportista, que inclúe unha ampla oferta informativa na que se inclúe a charla do psicológo deportivo de alto nivel Juancho Armental dirixida a árbitros e xuíces que se celebrará de forma telemática o 25 de maio
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2026
A Xunta pon en marcha un novo programa individualizado dirixido a deportistas galegos de alto nivel co obxectivo de reforzar o seu desenvolvemento profesional e persoal máis alá da súa carreira deportiva. Esta iniciativa, que se desenvolve en colaboración con Youbefy, constitúe unha aposta na procura dunha inserción laboral cara ao final da carreira deportiva no ámbito galego.
O programa comezou a semana pasada e desenvolverase ata mediados de xaneiro do próximo ano mediante unha metodoloxía flexible e adaptada ás necesidades dos deportistas. A través deste proxecto, ofrecerase un itinerario integral que combina formación especializada en ámbitos como comunicación, saúde, educación financeira ou habilidades dixitais; acompañamento personalizado a través de mentorías individualizadas con profesionais de experiencia e acceso e conexión directa con oportunidades de desenvolvemento profesional, permitindo compatibilizar a actividade deportiva coa preparación para o futuro laboral. Trátase, en definitiva, dunha ferramenta orientada a transformar o talento deportivo en capacidades aplicables ao mercado laboral.
A posta en marcha deste programa canalízase desde a Oficina de Atención ao Deportista (OAD), un servizo da Xunta a través da Fundación Deporte Galego que ten como finalidade informar, orientar e acompañar o colectivo deportivo no acceso aos recursos dispoñibles. A Oficina naceu precisamente para dar resposta ás principais demandas trasladadas polos propios deportistas, entre as que destacan a necesidade de información xeral, orientación laboral, apoio na conciliación académica, acceso a axudas económicas e servizos de atención psicolóxica. A actividade da oficina céntrase na atención e acompañamento aos máis de 1.700 deportistas galegos recoñecidos como de alto nivel actualmente.
Desde a súa creación, consolidouse como un instrumento fundamental de apoio aos deportistas, cunha actividade constante na atención individualizada e na posta en marcha de programas e actuacións específicas. O ano pasado rexistráronse máis de medio cento de solicitudes de información e asesoramento e cunha demanda crecente sobre todo no ámbito da atención psicolóxica. Neste eido, realizáronse 216 sesións a 69 deportistas, sendo unha das prestacións máis valoradas polas persoas usuarias.
No ámbito formativo, apóstase por unha oferta específica orientada á mellora das competencias dos deportistas, adaptada ás esixencias da carreira dual. Nos últimos anos impulsáronse programas de capacitación en ámbitos como a dixitalización, a innovación e a tecnoloxía aplicada ao deporte, nos que participaron arredor de medio cento de deportistas, con varias edicións xa en marcha e unha taxa progresiva de finalización. Nesta liña, para o vindeiro 25 de maio está prevista de forma telemática a charla O voso labor tamén importa. Formar, escoitar e apoiar a quen fai que o deporte sexa xusto dirixida a árbitros e xuíces deportivos de Galicia e impartida polo psicólogo deportivo de alto nivel, Juancho Armental. O prazo de inscrición a esta actividade remata o 21 de maio.
Ademais, a través da Oficina de Atención ao Deportista promóvense accións formativas complementarias como talleres prácticos —entre eles, iniciativas recentes en materia de patrocinio deportivo— así como programas de adestramento mental e desenvolvemento persoal, que permiten aos deportistas adquirir ferramentas clave tanto para o rendemento deportivo como para a súa futura inserción profesional.
Ademais, a oficina desenvolve actuacións en materia de conciliación académica e laboral mediante acordos con universidades e organismos públicos de emprego, así como programas de formación e orientación profesional que permiten aos deportistas planificar o seu futuro máis alá da competición.
Cómpre destacar tamén a participación da Fundación Deporte Galego nunha rede de investigación internacional (Rumde), liderada pola Universidade da Coruña (UDC), orientada á implantación dun sistema de mentoría na carreira dual dos deportistas-estudantes, reforzando así a posición de Galicia como referente na innovación aplicada ao desenvolvemento deportivo e profesional.
Co obxectivo de mellorar continuamente a calidade do servizo, realizouse unha enquisa de satisfacción entre as persoas usuarias da Oficina de Atención ao Deportista. Os resultados amosan un elevado grao de coñecemento do servizo, un uso significativo por parte do colectivo e unha valoración moi positiva en aspectos clave como a rapidez de resposta, a atención recibida e a eficacia na resolución das consultas. Así, a posta en marcha do programa de titorización en colaboración con Youbefy, o reforzo da Oficina de Atención ao Deportista e a aposta pola formación e avaliación continua dos servizos amosan o compromiso da Xunta coa mellora das condicións de desenvolvemento integral dos deportistas galegos.