A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro con empresarios e empresarias da zona de Xove

Lorenzana anuncia que a Xunta aprobará antes do verán a ampliación do parque empresarial de Xove

Asegura que a previsión é que no ano 2027 se poidan licitar as obras de urbanización 

Cun investimento de case 4 M€, esta ampliación permitirá incrementar nun 85,6 % a súa superficie, ata roldar os 200.000 m²

Explica que, de xeito paralelo, estase a traballar na licitación da expropiación dos terreos

Xove (Lugo), 30 de abril de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou esta mañá que a Xunta aprobará antes do verán a ampliación do parque empresarial de Xove, coa previsión de que no ano 2027 se poidan licitar as obras de urbanización.

Lorenzana mantivo hoxe un encontro con empresarios e empresarias da zona, para informarlles de primeira man sobre este proxecto e sobre as políticas do Goberno galego en materia de solo industrial.

A ampliación do parque empresarial de Xove permitirá duplicar a súa superficie ata roldar os 200.000 m². Increméntase así, a súa extensión nun 85,6 % para poñer 93.700 m² máis á disposición das empresas cun investimento de case 4 millóns de euros.

Ademais, a conselleira destacou que, ao mesmo tempo e co obxectivo de axilizar os prazos, a Xunta está traballando de xeito paralelo na licitación da expropiación dos terreos. Ao ser tantos os trámites, explicou, o que a Administración autonómica está facendo é simultanealos. “Mentres imos traballando para que se aprobe definitivamente o Peose, queremos ter xa o proxecto de expropiación para ao longo deste ano poder rematala”, apuntou.

A titular de Economía e Industria emprazou aos empresarios presentes na reunión e futuros propietarios a trasladar as necesidades que teñen para que as parcelas estean adaptadas ao que precisan. “Queremos dar seguridade, garantías e información de como imos avanzando cos prazos”, asegurou, para destacar que “é a época da Xestur en que máis actuacións e máis millóns de metros cadrados se están mobilizando en toda Galicia”.

Máis solo industrial

A ampliación do polígono de Xove complementa outros desenvolvementos urbanísticos de solo empresarial que está a promover a Xunta en Lugo como son o parque do Corgo, Meira ou As Gándaras. En total, nesta provincia están en proceso de tramitación ou urbanización 1,5 millóns de metros cadrados de polígonos industriais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/04/2026