A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe esta actuación
A Xunta destina 15.000 euros ao acondicionamento do muíño de Ponte Carballa, no concello de Frades
Ángeles Vázquez explica que esta actuación se acometeu a través dunha axuda da liña de apoios a concellos para a execución de actuacións de conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural en Rede Natura 2000
Subliña que o obxectivo destas axudas é preservar a biodiversidade, potenciar os servicios ecosistémicos e conservar os hábitats, paisaxes e elementos patrimoniais tradicionais existentes na contorna
Frades (A Coruña), 2 de maio de 2026
A Xunta de Galicia destinou preto de 15.000 euros ao acondicionamento do muíño de Ponte Carballa e da súa contorna, en Frades, a través dunha axuda da liña de apoios a concellos para a execución de actuacións de conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural en Rede Natura 2000.
Segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou esta mañá ao muíño, o obxectivo destas axudas é preservar a biodiversidade, potenciar os servicios ecosistémicos e conservar os hábitats, paisaxes e elementos patrimoniais tradicionais existentes na contorna.
Neste caso, instalouse un novo tellado illante, sobre o que se colocou unha cuberta de tella substituíndo o anterior tellado, que estaba moi deteriorado. Así mesmo, retirouse a madeira danada do taboleiro e colocáronse novas táboas de castiñeiro. A maiores, renovouse a porta de madeira do muíño, abriuse a canle de saída e rehabilitouse a de entrada.
Cómpre lembrar que en 2026 a Xunta destina 1,87 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), a actuacións en espazos protexidos -parques naturais, Rede Natura e reservas de biosfera-.
En concreto, este ano a convocatoria dividiuse en dúas liñas de axudas, unha para actuacións en reservas de biosfera e outra para terreos en parques naturais ou Rede Natura 2000. No caso da primeira, os potenciais beneficiarios son as administracións públicas ou entidades asociativas que sexan órganos de xestión das reservas de biosfera de Galicia e que desenvolvan actuacións en zonas rurais situadas en calquera das reservas dentro do ámbito territorial da comunidade.
En canto ás achegas para espazos de Rede Natura 2000 ou parques naturais de Galicia, están dirixidas a concellos e entidades locais menores incluídas total ou parcialmente nalgúns dos parques naturais da comunidade ou na Rede Natura 2000, a asociacións ambientais sen ánimo de lucro, a persoas físicas ou a empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios galegos nos que se sitúe un parque natural constituídas con anterioridade á publicación das axudas.
Nos últimos dous anos a Xunta concedeu arredor de 3,7 millóns de euros a este tipo de intervencións sobre elementos de espazos protexidos de Rede Natura 2000, reservas de biosfera ou parques naturais.