Belén do Campo presenta a nova Base Naútica de actividades da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas como exemplo do modelo turístico sostible e de calidade que impulsa a Xunta
A delegada da Xunta participou na inauguración desta infraestrutura promovida no marco do Plan de Sostibilidade Turística, cun investimento de máis de 345.000 euros
Betanzos (A Coruña), 30 de abril de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou hoxe na inauguración da nova Base Náutica de Actividades Ecoturísticas impulsada pola Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, unha actuación que definiu como “un proxecto chamado a converterse nun punto de referencia para o turismo sostible, para o desfrute responsable da natureza e para a posta en valor dun dos grandes tesouros deste territorio: o río Mandeo e a ría de Betanzos”.
Durante a súa intervención, Belén Do Campo subliñou que a infraestrutura inaugurada “non é só un novo equipamento, senón unha maneira de entender o turismo, de relacionarse coa paisaxe e de xerar oportunidades desde o respecto ambiental, desde a identidade local e desde a calidade”.
A representante do Goberno galego lembrou que se trata da primeira Base de Actividades Ecoturísticas da Reserva de Biosfera, promovida no marco do Plan de Sostibilidade Turística de Mariñas Coruñesas con financiamento dos fondos europeos Next Generation e co apoio de Turismo de Galicia.
Investimento de 345.850 euros para crear un novo espazo de referencia
A actuación contou cun investimento total de 345.850 euros e permitiu executar un proxecto integral que inclúe a creación desta base ecoturística mediante módulos prefabricados de madeira vinculados ao uso náutico e ao aproveitamento turístico sostible; a ordenación ambiental e paisaxística da contorna; a introdución de vexetación autóctona; o emprego de materiais naturais como a madeira de castiñeiro para reforzar a integración no espazo; así como a construción dun pantalán no río Mandeo que facilitará a práctica de actividades deportivas, educativas e turísticas ligadas á auga.
Beneficios ambientais, sociais e turísticos
A delegada incidiu nos beneficios ambientais, sociais e turísticos desta actuación, ao mellorar a integración paisaxística e a recuperación sostible da contorna fluvial, crear un novo espazo para a educación ambiental e o uso público responsable, e dotar á ría de Betanzos e ás Mariñas Coruñesas dun novo equipamento de referencia que reforza o seu atractivo e multiplica as posibilidades de desenvolver experiencias vinculadas ao ecoturismo certificado.
A delegada da xunta puxo ademais en valor o traballo desenvolvido pola Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, territorio recoñecido pola UNESCO, que cualificou como “un auténtico modelo de desenvolvemento sostible e un espello no que moitos territorios deberían mirarse”.
Nesta liña, realizou un recoñecemento expreso ao presidente da Reserva, José Antonio Santiso Miramontes, polo traballo desenvolvido durante todos estes anos “para converter este territorio nun referente dun turismo diferente, máis humano, máis consciente e máis ligado á autenticidade”.
Máis de 130 millóns de euros para transformar o turismo galego
A delegada lembrou que os fondos europeos Next Generation están a supoñer “unha oportunidade histórica para transformar o turismo galego”, cun investimento global de máis de 130 millóns de euros para potenciar o sector, dos que a Xunta xestiona directamente 72 millóns destinados a proxectos concretos, útiles e transformadores para concellos, entidades e empresas.
Segundo indicou, esta actuación inscríbese nesa estratexia de impulso aos Plans Territoriais de Sostibilidade Turística, complementada con accións de cohesión territorial, posta en valor de recursos, profesionalización, dixitalización e sustentabilidade.
Finalmente, felicitou a todas as persoas e entidades que fixeron posible esta actuación e asegurou que “inaugurar esta Base Náutica é abrir unha nova porta ao futuro deste territorio, un futuro no que turismo e natureza camiñan da man e no que o desenvolvemento se constrúe desde o respecto”.