O 061 de Galicia asistiu 71 persoas por 55 accidentes de tráfico durante a ponte do 1 de maio
Desde as 15,00 horas do xoves, 30 de abril ata as 23,59 horas do domingo, 3 de maio, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 67 chamadas por accidentes de tráfico
A Estrada (Pontevedra), 4 de maio 2026
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a Ponte do 1 de Maio 71 persoas debido a 55 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do xoves, 30 de abril, ata as 23,59 horas do domingo, 3 de maio. O sábado foi o día que rexistrou máis sinistros, con 23 accidentes de tráfico.
A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 67 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 55 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 71 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 57% e do 43% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 25% dos atendidos tiña entre 15 e 29 anos.
Por provincias, Pontevedra foi a que máis sinistros rexistrou con 18 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.
|
Provincia |
Accidentes |
|
A Coruña |
17 |
|
Lugo |
7 |
|
Ourense |
13 |
|
Pontevedra |
18 |
|
Galicia |
55 |
Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 70. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en oito accidentes, o helicóptero medicalizado atendeu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico asistiron en 56 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en cinco accidentes.
En 53 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en 18 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente.