A Xunta concede 1.470 axudas para a contratación de persoal asalariado como segunda persoa condutora e para o pago das pólizas de seguros no sector do taxi
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas subvencións coas que se pretende axudar ás persoas titulares de autorización de taxi a facer fronte ao incremento do prezo dos seguros e mellorar a prestación do servizo ante o aumento da demanda coa contratación de máis persoal
Estas achegas súmanse a outras 180 axudas da última convocatoria destinada á renovación das frotas de taxi coa adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida, de baixas emisións ou eléctricos
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas da Xunta para a contratación de persoal asalariado (segunda persoa condutora) e para o pagamento das pólizas de seguros no sector dos taxis, cun total de 1.470 subvencións concedidas.
A orde conta con dúas liñas: unha cunha axuda de 240 euros por cada autorización para o pagamento das pólizas dos seguros e outra cun importe de 2.000 euros por axuda para a contratación dunha segunda persoa condutora, distinta ao titular da autorización, a xornada completa e con dedicación exclusiva.
O obxectivo da iniciativa é axudar ás persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N domiciliadas en Galicia ao pagamento das pólizas dos seguros destes vehículos, que experimentaron un notable incremento nos últimos anos, e á contratación de persoal asalariado, contribuíndo a acadar unha maior intensidade na prestación do servizo e satisfacer o aumento da demanda dos servizos de taxi en Galicia.
A póliza do seguro ten que pagarse no período subvencionable, entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025, o mesmo no que debería realizarse a contratación dunha segunda persoa condutora.
Cómpre engadir que a estas axudas se suman outras 180 da convocatoria para a renovación das frotas con axudas coas que financiar a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida ou Eurotaxi, de emisións cero ou de tipo ECO. As subvencións concedidas foron de ata 1.000 euros para os taxis de baixas emisións, 4.000 euros para vehículos de emisións cero e 10.000 euros para taxis adaptados.