A Xunta realiza labores de conservación fluvial en máis de 11 quilómetros de varios ríos en Viveiro
As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante trece semanas e inclúen a retirada de árbores caídas das canles fluviais para evitar atoamentos
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2026
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial en varios tramos de distintos ríos, que suman máis de 11 quilómetros, no concello lucense de Viveiro.
As tarefas, que xa foron comunicadas ao concello, desenvólvense en máis de cinco quilómetros do río Fontecova, e en 2,2 quilómetros do Trasposta. Tamén se realizarán actuacións nos ríos Pedreira -1,3 quilómetros-, Pé de Boi -, máis de 1,1 quilómetros- e Rego de Loiva -preto de 1,3 quilómetros-.
Os traballos, que se prolongarán durante trece semanas, consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos. As actuacións realizaranse coa aplicación de motoserras, rozadoiras e outras ferramentas manuais, que contarán co apoio de maquinaria de maiores dimensións como un tractor e unha carretilla de carga.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).
O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.