Rueda destaca a consolidación de Galicia como referente en biotecnoloxía con 30 novas empresas e 670 M€ mobilizados en cinco anos

Salienta que os bos resultados da Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico 2021-2025 reforzan o posicionamento de Galicia como polo de atracción neste sector, que se completará coa nova estratexia 2026-2030 que se presentará proximamente

Indica que a facturación do sector en cinco anos ascendeu a 2.037 M€, o que supón “tres veces máis do previsto”, debido á expansión de empresas biotecnolóxicas e á incorporación de firmas tractoras, cun total de 162 compañías activas

O número de traballadores cualificados “triplicouse” e pasou de 1.868 a 5.693, por riba do obxectivo de incrementar nun 25% a cifra inicial

Os índices de creación de empresas, o número de investigadores e o gasto en I+D+i sitúan a nosa comunidade como “a segunda máis forte en biotecnoloxía”, só por detrás de Cataluña

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a consolidación de Galicia como unha rexión de referencia en biotecnoloxía logo da forte aposta por este sector nos últimos cinco anos. Así se pon de relevo no balance da Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico de Galicia 2021-2025 presentado hoxe no Consello pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e FP.

Á vista dos resultados, Rueda salientou que o ecosistema biotecnolóxico galego “logrou mobilizar 670 M€ e creáronse 30 novas empresas biotecnolóxicas na comunidade”, o que sitúa Galicia como “a segunda rexión española con máis puxanza neste sector”, só por detrás de Cataluña. Os bos resultados en facturación, emprego, gasto en I+D ou atracción de capital privado fan que acade unha posición de vantaxe no Estado e reforce tamén o seu posicionamento no ámbito internacional.

A Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico de Galicia 2021-2025, impulsada pola Xunta e o Clúster tecnolóxico empresarial das ciencias da vida (Bioga), deu os seus froitos ao “triplicar o número de traballadores” cualificados e pasar de 1.868 a 5.693, por riba do obxectivo de incrementar nun 25% a cifra inicial.

182 M€ de investimento da Xunta

Entre as principais conclusións do balance presentado esta mañá destaca que o sector biotecnolóxico galego conseguiu superar a previsión de investimento mobilizado en 2021-2025, con 670 M€ fronte aos 662 M€ estimados inicialmente. Tal e como explicou o presidente, destes 662 M€, “un 82% (549 M€) corresponden a apoios públicos, dos cales 182 M€ proceden da Xunta”.

Así mesmo, Rueda destacou que “a creación de empresas vencelladas a biotecnoloxía duplicouse nestes cinco anos ata chegar as 65”. Non obstante, en total hai 162 compañías onde a biotecnoloxía está presente en maior ou menor medida nos seus procesos produtivos.

A facturación do sector situouse en 2.037 M€, o que supón “tres veces máis do previsto”, superando o obxectivo inicial de chegar aos 660 M€. Este crecemento explícase tanto pola expansión das empresas biotecnolóxicas galegas como pola incorporación de empresas tractoras de gran tamaño que empregan a biotecnoloxía nos seus procesos produtivos.

Máis investigadores e gasto en I+G+i

No relativo ao resto de indicadores, o balance amosa un grao de cumprimento xeral que confirma a posición de Galicia como unha comunidade biotecnolóxica de referencia en España. Por exemplo, o número de investigadores creceu un 15% na falta de integrar os datos de 2025. De feito, o 16% dos investigadores que desenvolven as súas tarefas en Galicia dedícanse á biotecnoloxía, polo que se sitúa como a segunda comunidade autónoma con maior porcentaxe de España, só por detrás de Cataluña. Cómpre destacar que a porcentaxe de investigadoras supera á de investigadores, cun 56,9%.

Rueda indicou que o gasto en I+D+i en biotecnoloxía, o que invisten os axentes do sector en investigación, “medrou nun 89% -fronte ao obxectivo de amplialo nun 45%-, ata acadar os 175 M€” e superar así as previsións. A biotecnoloxía representa máis do 16% do gasto total en I+D+i de Galicia fronte ao 13,1% da media estatal, dato que consolida tamén o segundo posto da nosa comunidade en intensidade de I+D+i biotecnolóxico sobre o gasto en I+D+i total.

Captación de capital e subsectores

Por último, Alfonso Rueda salientou o feito de que as empresas biotecnolóxicas galegas “conseguiron captar máis de 45 M€ de investimento privado” e superar o obxectivo de 30 M€. A creación de dous fondos de capital risco especializados consolida a entrada do sector no radar do capital privado.

No relativo aos subsectores máis beneficiados polas iniciativas da estratexia, amósase unha concentración natural no ámbito da saúde (medicina personalizada 24% e fármacos e vacinas 24%), seguido polos recursos mariños (cun 16%), o ámbito ambiental (cun 15%) e o agrogandeiro e forestal co 10% dos fondos mobilizados.

Estratexia de excelencia 26-30

Co remate da Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico de Galicia 2021-2025 e sendo conscientes de que o sector “é un eido con moito futuro e fundamental para avanzar en áreas claves como a sanidade, os recursos mariños ou o eido ambiental”, Rueda indicou que o Goberno autonómico segue a apoiar o sector de xeito firme.

Con esta finalidade, a través da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, e coa colaboración de Bioga, estase a traballar na definición da nova Estratexia de excelencia da biotecnoloxía de Galicia 2026-2030, que ultima o seu deseño para ser presentado proximamente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/05/2026