Rueda anuncia a creación dunha unidade central de apoio á atención primaria para reducir o traballo administrativo dos médicos de familia

Estará formada por 50 profesionais cualificados que se encargarán de trámites como xestionar receitas, solicitudes de ortopedias ou de ambulancias non urxentes

Comezará a funcionar nas vindeiras semanas e o obxectivo é incrementar o tempo que os facultativos poden dedicar á atención directa aos pacientes

Resalta que forma parte da reforma integral que vai levar a cabo a Xunta para mellorar o primeiro nivel asistencial e que estará lista “no primeiro semestre”

A Xunta destina este ano 1.747 M€ á atención primaria, o maior investimento na historia da comunidade

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe no Parlamento a creación dunha unidade central de apoio á atención primaria que busca reducir o traballo administrativo que teñen que realizar os médicos de familia.

Esta unidade, que contará “con 50 profesionais cualificados”, poñerase en marcha nas vindeiras semanas e forma parte da reforma integral que vai realizar o Goberno autonómico da atención primaria para mellorar a atención asistencial e adecuar a súa estrutura as cambio demográfico que vive Galicia e que, segundo explicou Rueda, estará en marcha “no primeiro semestre deste ano”.

Os médicos de familia dedican entre un 30 e un 40% do seu tempo a realizar trámites administrativos, algo que a Xunta quere reducir. “Queremos descargar os médicos de tarefas burocráticas para que poidan atender mellor os pacientes”, indicou.

Por iso, a nova unidade de apoio á atención primaria encargarase de tarefas como tramitar receitas, solicitudes de ortopedias ou peticións de ambulancias non urxentes así como elaborar informes de saúde. Labores que ata agora realizaban os médicos de cabeceira e que, a partir de agora, se centralizarán nesta unidade.

A creación desta unidade de apoio súmase a outras medidas que a Xunta vai levar a cabo para reforzar este nivel asistencial. O Goberno autonómico vai dar maior peso ás direccións de atención primaria das sete áreas sanitarias que pasarán a depender directamente das xerencias. Ademais, vaise crear a Dirección Xeral de Atención Primaria, que velará pola calidade do sistema e realizará un seguimento constante de cada centro de saúde e Punto de Atención Continuada (PAC).

Récord histórico de investimento na atención primaria

Durante a súa intervención, o presidente lembrou a gran aposta que realiza o Goberno autonómico por mellorar a atención primaria. A Xunta destina este ano 1.747 millóns de euros, o maior investimento na historia da comunidade, e segue a reforzar o persoal con 163 novos profesionais para os centros de saúde e a incorporación de 21 psicólogos a este nivel asistencial. “Imos seguir traballando para mellorar os servizos públicos e un dos máis importantes é a atención primaria”, indicou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/05/2026