A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou hoxe co alcalde, Daniel Vega, o convenio para abordar a actuación neste viario, que constitúe o acceso principal ao núcleo urbano
A Xunta colabora co Concello de Ribadeo na renovación da avenida de América, que suma un investimento total de 352.000€
A intervención deixará a avenida preparada para o novo acceso ao futuro centro de saúde que se vai construír nunha parcela desta rúa
A través desta actuación, habilitarase unha rotonda para mellorar a fluidez e seguridade do tráfico, dotarase o espazo de novas beirarrúas accesibles, substituiranse todas as redes urbanas e mellorarase a eficiencia dos servizos
Allegue subliña la colaboración entre administracións para acadar actuacións que melloran a calidade de vida da veciñanza
A través do convenio, a Xunta aporta 300.000€, mentres que o Concello asume o orzamento restante e encargarase de licitar e executar as obras, que teñen un prazo de 5 meses
Ribadeo (Lugo), 5 de maio de 2026
A Xunta colabora co Concello de Ribadeo na renovación da avenida de América, que suma un investimento total de 352.000€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou hoxe o convenio co alcalde Daniel Vega para abordar conxuntamente a actuación neste viario, que constitúe o acceso principal ao núcleo urbano.
A intervención suporá a renovación total desta travesía urbana e deixaraa preparada para o novo acceso ao futuro centro de saúde que se vai construír nunha parcela da rúa. Así, habilitarase unha rotonda para mellorar a fluidez e seguridade do tráfico, dotarase o espazo de novas beirarrúas accesibles, substituiranse todas as redes urbanas e mellorarase a eficiencia dos servizos.
Allegue subliñou a transformación que se acadará con esta intervención para gañar “funcionalidade, seguridade e sostibilidade” neste viario e convertelo nun espazo máis ordenado e de calidade.
O convenio supón un investimento total de 352.000€, dos que a Xunta aporta 300.000€, mentres que o Concello asume o orzamento restante e encargarase de licitar e executar as obras, que terán un prazo de 5 meses.
A conselleira puxo en valor este “novo exemplo de colaboración” entre administracións para acadar unha actuación que permite mellorar e modernizar esta contornas urbana, garantido a súa accesibilidade.
Engadiu que colaboracións como este convenio permite “seguir avanzando nesta Galicia Calidade da que estamos orgullosos e en actuacións que melloran a calidade de vida da veciñanza”.