Belén do Campo destaca en Irixoa o apoio da Xunta de máis de 21.000€ para a renovación da rede de iluminación pública en Coruxou
A delegada da Xunta puxo en valor “o firme compromiso da Xunta de Galicia cos concellos do rural para que poidan seguir avanzando en sustentabilidade, modernización de servizos e mellora da calidade de vida da veciñanza”
Irixoa (A Coruña), 6 de maio de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Irixoa, Antonio Deibe, visitou hoxe o municipio para comprobar as actuacións executadas grazas ao apoio do Goberno galego ao abeiro das axudas do Fondo de Compensación Ambiental non competitivo.
Durante a visita a delegada supervisou a nova iluminación instalada na parroquia de Coruxou grazas a apoio da Xunta de máis de 21.000 euros a través do Fondo de Compensación Ambiental non competitivo.
A actuación responde ás deficiencias detectadas na rede de iluminación existente neste núcleo rural, onde, malia contar con tecnoloxía LED, os equipos anteriores presentaban un consumo eléctrico elevado e problemas de estabilidade ante condicións meteorolóxicas adversas, especialmente durante episodios de tormenta, o que derivaba en avarías recorrentes e interrupcións no servizo.
Neste sentido, o proxecto contemplou a substitución das luminarias de toda a parroquia por novos puntos de luz LED de baixo consumo, que permiten optimizar de maneira notable a demanda enerxética da instalación. Ademais, incluise a incorporación de tomas de terra, unha mellora técnica destinada a incrementar a protección do sistema, minimizar incidencias e prolongar a vida útil da infraestrutura. Segundo sinalou Belén do Campo esta actuación permítelle ao concello un aforro entre o 15 % e o 20% na súa factura eléctrica.
A delegada territorial subliñou que “esta intervención supón un dobre beneficio: por unha banda, un importante aforro económico e enerxético para as arcas municipais e, por outra, unha mellora substancial na calidade e estabilidade dun servizo básico para a seguridade viaria e peonil”.
“Cada actuación deste tipo é un paso máis na estratexia da Xunta para impulsar concellos máis verdes, máis eficientes e máis resilientes”, sinalou Belén Do Campo, quen incidiu en que a transición enerxética tamén debe chegar ao ámbito rural.
Protección do contorno nocturno
Outro dos aspectos destacados da intervención é a súa incidencia directa na redución da contaminación lumínica. As novas luminarias incorporan unha distribución da luz máis controlada, evitando a dispersión innecesaria cara ao ceo e cara ás zonas naturais próximas.
Deste xeito, mellorarase a calidade ambiental do núcleo, reducindo o impacto da luz artificial sobre o ecosistema e contribuíndo á preservación dos ceos nocturnos, especialmente valiosos en contornas rurais como a de Irixoa.
Fondo de Compensación Ambiental non competitivo
Belén do Campo subliñou que o Fondo de Compensación Ambiental non competitivo constitúe “unha mostra clara do compromiso do Goberno galego coa preservación do medio ambiente e coa mellora da calidade de vida da cidadanía, apoiando aos concellos na adquisición de medios que lles permitan unha xestión máis eficaz e sostible do territorio”.
A delegada lembrou que esta liña de axudas repartiu, o pasado ano, en toda Galicia na modalidade non competitiva 6 millóns de euros, co obxectivo de redistribuír o canon eólico e reinvestilo en actuacións de conservación, restauración ambiental e reequilibrio territorial.
No caso da provincia da Coruña, a modalidade non competitiva contou con máis de 2,2 millóns de euros para 49 beneficiarios. Na comarca de Betanzos as achegas correspondentes á liña non competitiva ascenderon a case 126.000 euros, beneficiando aos concellos de Irixoa, Aranga, Curtis, Sobrado e Vilasantar.