Román Rodríguez lamenta que o Goberno do Estado pretenda apropiarse das melloras educativas nas que Galicia vai por diante pese a non recibir nin un só euro

Lembra que as medidas implantadas no sistema educativo galego ao abeiro do Acordo de melloras de 2023 “son máis ambiciosas” que as que propón o Ministerio 

Avanza novas liñas de traballo para dotar de máis recursos estruturais a atención á diversidade e reconfigurar o horario dos docentes de Secundaria desde setembro

Reivindica que o diálogo e a planificación “son moito máis útiles que o conflito e a confrontación” que promoven as organizacións nacionalistas en Galicia

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, lamenta que o Goberno do Estado pretenda apropiarse das melloras educativas nas que Galicia “vai por diante” como é a mellora das ratios e da atención á diversidade, e o faga sen aportar ningún apoio económico.

Así o salientou hoxe no pleno do Parlamento de Galicia, onde denunciou que o executivo central “está presentando como novidade o que aquí xa está en marcha” a través dunha proposta normativa sen ningún tipo de comunicación nin consenso coas comunidades autónomas e “sen poñer enriba da mesa nin un euro de financiamento suficiente”.

O titular de Educación do Goberno galego subliñou que moitas das propostas do Ministerio de Educación en canto a ratios, atención á diversidade ou horario do profesorado xa están en marcha en Galicia como resultado do espírito de “consenso, diálogo e altura de miras” que propiciou o Acordo de melloras acadado coas organizacións sindicais CCOO, ANPE, UGT e CSIF e que agora vai ser obxecto dun novo impulso. De feito, a redución de ratios galega “é mais ambiciosa que a proposta estatal”, posto que esta última non inclúe Infantil e Bacharelato e a galega si, en Primaria fixa unha ratio máxima de 22 alumnos en Galicia é de 20, e non establece ningunha mellora específica para o rural, como si o fai o acordo galego, puntualizou Román Rodríguez.

Novo impulso ao Acordo de 2023

Precisamente, no marco do diálogo aberto para seguir implementando este acordo, nestes momentos hai unha liña de traballo en marcha para intensificar e ampliar estas melloras xa desde o vindeiro setembro.

Á falta de ser abordado na próxima Mesa Sectorial Docente, Román Rodríguez referiuse á posta en marcha, xa desde setembro, dun plan de impulso a atención á diversidade para dotar aos centros de máis recursos estruturais modificando os catálogos de persoal nas etapas de Infantil e de Primaria e incrementando o persoal especialista e os orientadores nos cursos de Secundaria.

Así mesmo, proponse unha reconfiguración do horario do profesorado de Secundaria co fin de adaptar o traballo á realidade actual dos centros educativos. Isto suporá que, dentro das 37,5 horas semanais que, ao igual que resto dos traballadores, teñen os docentes de Secundaria, reduzan de 20 a 18 as sesións lectivas directas na aula, de xeito que ese tempo o poidan dedicar a tarefas relevantes fóra da aula que cada vez esixen de máis atención, tanto no que respecta ao desenvolvemento de determinados proxectos, o contacto coas familias e a xestión de protocolos, entre outros.

Por outra parte, tamén se vai avanzar na redución das ratios, coa proposta de adiantar a setembro de 2028 a diminución de 30 a 25 alumnos por aula na ESO prevista inicialmente para o ano 2033, o que supón anticipar cinco cursos o calendario de  implantación desta mellora recollido no acordo de 2023.

Así pois, todos estes avances son a evidencia de que o diálogo e o acordo “son moito máis útiles que o conflito e a confrontación”, sinalou en referencia á estratexia “do non permanente do Bloque, a CIG e a UPG”, de quen dixo que cada día “están máis afastados da realidade e do sentir maioritario do profesorado e da cidadanía galega”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/05/2026