O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, xunto co xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, participou nos actos conmemorativos do aniversario do hospital comarcal
A Xunta resalta a humanidade dos profesionais do Hospital Público de Monforte de Lemos na celebración do seu 40º aniversario
O Servizo Galego de Saúde tivo un especial recoñecemento a 11 profesionais que levan traballado no hospital monfortino desde a súa apertura en 1986
O Hospital Público de Monforte de Lemos continúa a reforzar a súa capacidade asistencial, as súas infraestruturas e os seus servizos, consolidándose como un elemento esencial dentro do distrito sanitario sur e do conxunto da rede sanitaria pública galega
Monforte de Lemos (Lugo), 6 de maio de 2026
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, fixo mención especial á humanidade do persoal do Hospital Público de Monforte de Lemos que hoxe celebrou un acto conmemorativo polo seu 40º aniversario.
No evento tamén estivo presente o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, e a directora do distrito sanitario de Monforte de Lemos, Inmaculata Ramos.
José Ramón Parada sinalou que nun hospital comarcal “aprendes que o médico que atende un paciente quizais o coñeza polo nome ou que a enfermeira que lle toma a tensión quizais foi á escola cos seus fillos”. Por iso, o xerente do Servizo Galego de Saúde concluíu que “aquí a medicina non é anónima”.
No acto entregáronse os diplomas do concurso de debuxo infantil para elixir o cartel do 40º aniversario e fíxose unha homenaxe aos dez directores que rexentaron o hospital desde o ano 1986.
Tamén se lle fixo un recoñecemento a 11 profesionais polos seus 40 anos activos no Hospital Público de Monforte. O xerente do Servizo Galego de Saúde remarcou que “viron nacer este hospital e que o foron construíndo, non con formigón e aceiro, senón con dedicación, coñecemento e con presenza”.
O persoal ao que se lle recoñeceu toda unha vida de traballo no hospital comarcal está dedicado a mantemento, quirófano, radioloxía, farmacia, cociña, consultas externas, urxencias, esterilización e laboratorio.
Neste acto conmemorativo púxose o foco no papel que o hospital desempeña como peza clave da sanidade pública no sur da provincia de Lugo, garantindo atención especializada de proximidade e contribuíndo á cohesión territorial. Ao mesmo tempo, o Hospital de Monforte consolidouse como un motor esencial do tecido social e económico da comarca, cun impacto directo na vida diaria de milleiros de persoas e na xeración de emprego no territorio.
Este 40 aniversario chega nun momento de transformación e modernización do Hospital Público de Monforte de Lemos, que continúa a reforzar a súa capacidade asistencial, as súas infraestruturas e os seus servizos, consolidándose como un elemento esencial dentro do distrito sanitario sur e do conxunto da rede sanitaria pública galega.