Reguera destaca a excelente preparación do alumnado da escola FP Marítimo-Pesqueira tras asistir a un dos seus simulacros

O delegado territorial tamén comprobou o funcionamento do simulador de radio do sistema mundial de socorro e salvamento marítimo co que o alumnado realiza as súas prácticas

A práctica contou coa asistencia de 52 alumnos do IES A Basella de Vilanova de Arousa

Bueu (Pontevedra), 6 de maio de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a Escola FP Marítimo-Pesqueira de Bueu, onde asistiu a unha demostración do funcionamento do simulador de radio do sistema de mundial de socorro e salvamento marítimo.

Reguera coñeceu de primeira man as actividades e formacións que se levan a cabo no centro e confirmou que goza de equipamento tecnolóxico de primeiro nivel que permite unha preparacón completa e adaptada á realidade a todos os alumnos e alumnas.

Neste sentido, o delegado asegurou sentirse gratamente sorprendido polo entusiasmo e a preparación dun alumnado que no futuro poderá facer fronte a calquera emerxencia que ocorra no seu traballo no mar.

A continuación, Reguera asistiu a unha das prácticas de extinción de incendios na que o alumnado, guiado polos seus profesores, fixeron fronte a lume real. Á práctica  asisitiron 52 alumnos de 4º da Eso do IES A Basella de Vilanova de Arousa como parte dunha iniciativa do GALP para fomentar o relevo xeracional dos oficios relacionados co mar. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/05/2026