A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático participou nunha Xornada técnica sobre o carbono azul

A Xunta pon en valor os ecosistemas costeiros como sumidoiros de carbono claves para avanzar cara á neutralidade climática

Aposta por situar as marismas, pradeiras mariñas ou zonas intermareais no centro das solucións baseadas na natureza contribuíndo tanto á loita contra o cambio climático como á conservación da biodiversidade e ao desenvolvemento sostible do litoral

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2026

O directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, puxo hoxe en valor os ecosistemas mariños como sumidoiros de carbono claves para avanzar cara á neutralidade climática durante unha Xornada técnica sobre o carbono azul que tivo lugar en Santiago de Compostela.

Durante a súa intervención, a directora xeral explicou que a neutralidade climática pasa tanto pola redución das emisións de gases de efecto invernadoiro como pola potenciación dos mecanismos de absorción natural de carbono. Nese senso, apostou por situar os ecosistemas costeiros -marismas, pradeiras mariñas ou zonas intermareais- “no centro das solucións baseadas na natureza contribuíndo tanto á loita contra o cambio climático como á conservación da biodioversidade e ao desenvolvemento sostible do litoral”.

En concreto, Paula Uría fixo fincapé no proxecto CAPTA, no que colaboran a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), que busca crear un marco de cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal para identificar ameazas, vulnerabilidades e riscos climáticos aos que se enfrontan os espazos costeiros e establecer actuacións coordinadas para a súa preservación.

Nesa liña, Uría incidiu na importancia da colaboración entre territorios para avanzar no coñecemento científico e identificar oportunidades para integrar o carbono azul en instrumentos de planificación ou en iniciativas públicas como pode ser o sistema voluntario de créditos de carbono que está a deseñar o Goberno galego.

De feito, nese obxectivo de intercambio de experiencias e coñecementos, na xornada técnica organizada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático participaron o coordinador da Rede española de carbono azul, Fernando Brun; a investigadora da Universidade de Aveiro Ana Sousa, e Paloma Carrillo, representante do grupo promotor dunha iniciativa para a captación de CO2 no Parque Natural Baía de Cádiz.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/05/2026