O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe en Vigo no acto de inauguración do evento de emprendemento

A Xunta destaca as máis de 120 entidades adheridas á rede Ultreia de atención ao emprendemento da que forma parte ‘The Way Startup Summit’

González resalta as máis de 50 startups, máis de 150 investidores e o millar de asistentes ao evento integrado na rede de colaboración público-privada dirixida a compartir recursos, xerar sinerxías e evitar duplicidades ao atender o emprendemento

Convidando a outras entidades a sumarse á Rede Ultreia, sinala que será unha das referencias clave da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, que terá como fío condutor a Rede de polos que leva atendido máis de 6.300 proxectos

No marco desa Estratexia, insta a aproveitar o talento interno e retornado para o ecosistema emprendedor, a garantir a remuda xeracional, a mellorar a coordinación entre axentes, a garantir financiamento ou a impulsar a cultura emprendedora

No capítulo dos apoios ao emprendemento, salienta a orde única para autónomos da que se beneficiaron máis de 8.700 persoas na última convocatoria resolta e novas ferramentas como o Campus formativo de emprego autónomo

Vigo, 7 de maio de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe en Vigo no acto de inauguración de The Way Startup Summit 2026, onde destacou que este evento organizado polo Hub de Innovación de Galicia cumpre 15 anos de vida reunindo máis de 50 empresas emerxentes, máis de 150 investidores e un milleiro de asistentes, así como formando parte da Rede Ultreia de colaboración público-privada impulsada pola Xunta para compartir recursos, xerar sinerxías e evitar duplicidades na atención ao emprendemento. Convidando a outras entidades a sumarse, o conselleiro salientou que a Rede —que supera as 120 adhesións— será unha das referencias clave da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, que se está a ultimar da man de todos os axentes implicados.

Na súa intervención, José González fixo fincapé en que a Estratexia terá como fío condutor a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que conta con 15 oficinas espalladas pola xeografía galega que levan atendido máis de 6.300 proxectos e contribuído á creación de arredor de 600 empresas. Os Polos reforzaranse para identificar oportunidades locais e orientar os proxectos cara aos recursos e programas máis adecuados, contemplando unha oficina dixital única e equipos itinerantes que levarán o apoio ás zonas máis pequenas e rurais, para que ningún lugar quede fóra. Todo isto complétase cun mapa de especialización comarcal que identificará os sectores tractores de cada zona, permitindo deseñar proxectos con impacto real no territorio.

Compromiso co emprendemento

Segundo o conselleiro, os obxectivos son claros. A maiores de consolidar a presenza territorial da Rede de polos, búscase aproveitar o talento interno e o capital humano das persoas retornadas, garantir a remuda xeracional co foco posto no comercio e nos servizos de proximidade, mellorar a coordinación do ecosistema emprendedor galego, garantir financiamento adaptado e impulsar a cultura emprendedora da sociedade galega, todo isto coa sostibilidade, igualdade e innovación como eixes transversais.

No marco desa futura Estratexia, confirmaranse apoios como a orde única para autónomos, que beneficiou máis de 8.700 persoas na última convocatoria resolta e que cobre todo o ciclo do emprendemento, desde que un negocio comeza ata que o seu propietario se xubila e busca remuda. Para avanzar na súa profesionalización, cóntase con novas ferramentas como o Campus formativo de emprego autónomo, un espazo en liña deseñado para persoas autónomas, emprendedoras e comerciantes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/05/2026