A conselleira e outros altos cargos de Medio Rural participan hoxe no Encontro Sober 2026: diálogos rural-industria
María José Gómez defende as oportunidades do rural galego grazas a un sector agroalimentario forte, competitivo e cada vez máis profesionalizado
A conselleira subliñou que o novo modelo económico do rural galego “que estamos construíndo” pasa por integrar toda a cadea de valor, desde a produción ata a transformación, a comercialización e a distribución
Mencionou as oportunidades da mocidade para emprender e quedar no rural, así como todas as potencialidades a nivel tecnolóxico e de xeración de valor engadido que ten o agro
Apostou pola remuda xeracional “como panca de transformación e de proxección de futuro para o rural galego” e puxo en valor as axudas para favorecer a incorporación de mozos ao agro e para plans de mellora asociados, dotadas este ano con 53 M€
Neste foro intervirán tamén, pola tarde, os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro
Sober (Lugo), 7 de maio de 2026
“O rural galego está cheo de oportunidades e vive un momento de evolución e avance”. Con esta mensaxe en clave positiva iniciou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, a súa intervención na inauguración do Encontro Sober 2026: Diálogos rural-industria. A conselleira afondou nesta idea afirmando que Galicia conta cun sector agroalimentario “forte, competitivo e cada vez máis profesionalizado”. Lembrou, neste sentido, que a nosa comunidade lidera a produción de leite no ámbito nacional e ten sectores coma o viño que compiten nos mercados internacionais “en base á calidade e á diferenciación”.
Neste contexto, Gómez subliñou que o novo modelo económico do rural galego “que estamos construíndo” pasa por integrar toda a cadea de valor, desde a produción ata a transformación, a comercialización e a distribución. E tamén por entender que o valor non está só no produto, senón en todo o que o rodea: o territorio, a innovación, o coñecemento e a capacidade de adaptarse aos mercados.
Valor da produción certificada
Situou, nesta liña, aos consellos reguladores como axentes claves nesa vinculación entre produto e territorio e na creación de industria asociada á calidade diferenciada, e recordou que a produción certificada galega acadou o ano pasado os 746 millóns de euros, un 5,6 % máis que en 2024. Para afianzar esta boa evolución, a conselleira fixo unha chamada a seguir construíndo o rural “sumando empresa, administración, universidade e coñecemento e sector primario” e remarcou que este encontro de Sober ten, precisamente, o valor de xuntar todos estes actores nun mesmo espazo para avanzar en propostas conxuntas. Neste mesmo sentido, Gómez mencionou as oportunidades da mocidade para emprender e quedar no rural, así como todas as potencialidades a nivel tecnolóxico e de xeración de valor engadido que ten o agro.
Remuda xeracional e fondos da PAC
Ademais de participar na inauguración deste encontro, a conselleira interveu tamén na mesa redonda Coidar a contorna, cultivar o futuro, na que animou a afondar na remuda xeracional “como panca de transformación e de proxección de futuro para o rural galego”. Puxo en valor, neste sentido, as axudas para favorecer a incorporación de mozos ao agro e para plans de mellora asociados, unha partida que este ano conta cun orzamento de 53 millóns de euros, o de maior contía desde 2018, aseverou.
Así mesmo, explicou que o apoio da Xunta aos produtores formalízase tamén no impulso a áreas como a formación e cun plan de remuda que se complementa con medidas como o Banco de Explotacións ou o programa de titorización e asesoramento. Asemade, fixo fincapé na xestión dos recursos da Política Agraria Común, na que Galicia está a facer “os seus deberes”, cunha mobilización de fondos do Plan Estratéxico (o Pepac) que acada xa o 71 % do gasto público. Insistiu, a maiores, na reclamación de que a nova PAC a partir de 2028 estea ben dotada e se basee nunha arquitectura con fondos diferenciados, que garanta as axudas directas e as achegas para o desenvolvemento rural.
A conselleira avogou tamén por distinguirse nos mercados cunha oferta que teña identidade propia baixo o paraugas da calidade, e valorou o feito de que “Galicia Calidade sexa máis que un lema; é o que somos como galegos”. Incidiu na importancia da promoción desa calidade e fixo un novo chamamento aos consumidores a facer unha compra responsable e apostar por produtos de proximidade e, en especial, polos que conten con certificación.
Participación doutros altos cargos da Consellería
A participación da titular de Medio Rural neste encontro de Sober terá a súa continuidade pola tarde, coas intervencións doutros altos cargos da Consellería. Así, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, estará presente na mesa redonda Sen remuda non hai soberanía alimentaria: xuventude, muller e futuro do rural; para afondar en todos os apoios que ten o Goberno galego para favorecer esa remuda.
A continuación, a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, abordará nun relatorio o Plan Forestal de Galicia 2021-2040, “Cara a neutralidade carbónica”. Deste xeito, explicará a estrutura, os obxectivos estratéxicos e os indicadores do horizonte deste documento, así como os diferentes instrumentos cos que conta a Administración para promover un monte ordenado, diverso e xestionado activamente.