Martina Aneiros pon en valor o potencial da IA para impulsar a economía galega durante a clausura da xornada ‘The future of fashion talent 2026’
Ferrol, 7 de maio de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, clausurou esta mañá a xornada The future of fashion talent 2026, unha iniciativa do Campus Industrial de Ferrol en colaboración con Modaes e Cointega.
Na súa intervención, puxo en valor “o Grao en Xestión Industrial da Moda, unha titulación pioneira” e a presenza de profesionais chegados “tanto da UDC como de marcas como The Are, El Pulpo ou Lady Pipa”, o que permite enriquecer esta xornada de encontro entre formación e sector.
Dentro da temática que este ano tivo a xornada, Aneiros falou tamén da Intelixencia Artificial e subliñou que, cun uso correcto, “trae grandes oportunidades” para a moda e para outros sectores estratéxicos da economía galega. Neste sentido, referiuse ao Programa galego de IA 2026-2028, co que a Xunta busca impulsar o desenvolvemento e a adopción desta tecnoloxía en Galicia, ao tempo que promove a innovación, a competitividade e unha transición dixital sostible e ética.