A Xunta salienta o reforzo do Pladiga con máis medios, tecnoloxía e prevención fronte aos incendios forestais

O director xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, Manuel Francisco, participou hoxe no segundo día da xornada Lecciones aprendidas y retos futuros en incendios forestales, organizada pola Universidad Politécnica de Madrid

Explicou a situación extraordinaria vivida en 2025, especialmente na provincia de Ourense, cunhas condicións climatolóxicas desfavorables ás que se lle sumou un alto grao de intencionalidade e simultaneidade no mes de agosto

Puxo en valor o novo convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, asinado coa empresa pública Seaga, e co dobre de orzamento que o anterior, para apoiar a administracións locais e propietarios no cumprimento das súas obrigas

Destacou que este ano ampliarase a redes de vixilancia, que incluirá IA, así como unha maior especialización no actual tipo de incendios e a incorporación de máis medios terrestres e aéreos, entre outras novidades

Madrid, 7 de maio de 2026

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, participou hoxe no segundo e último día da xornada Lecciones aprendidas y retos futuros en incendios forestales, organizada pola Universidad Politécnica de Madrid. Durante a súa intervención no evento, salientou que a Consellería do Medio Rural reforzou o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) deste ano con máis medios, tecnoloxía e prevención fronte aos lumes.

En concreto, o director compartiu unha mesa redonda xunto con representantes dos gobernos autonómicos de Castela e León, Estremadura e Madrid, para abordar o que foi a campaña de incendios do pasado 2025 en cada un destes territorios. No caso de Galicia, Francisco explicou a situación extraordinaria vivida, especialmente na provincia de Ourense, cunhas condicións climatolóxicas de seca extrema, baixa humidade, temperaturas moi altas e  inestabilidade en moitas xornadas que, no seu conxunto, favoreceron que os lumes acadasen intensidades e velocidades moi altas en pouco tempo.

A maiores, fixo fincapé na intencionalidade, ligado ao factor da simultaneidade dos incendios rexistrados no pasado agosto. Neste senso, especificou que máis do 70 % dos lumes dese mes foron intencionados, segundo se extrae do traballo realizado polos axentes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO).

Actuacións preventivas en todo o territorio

No eido das actuacións preventivas, o director explicou que este ano está previsto actuar nunha superficie de preto de 34.000 hectáreas, nas cales se contemplan traballos en áreas cortalumes, creación de faixas auxiliares, mellora de pistas forestais e queimas prescritas realizadas polo propio persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, así como os apoios ás comunidades de montes para tarefas preventivas e os convenios cos concellos para maquinaria, brigadas e motobombas.

A maiores destes traballos, resaltou que a Consellería do Medio Rural conta cun novo convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias asinado coa empresa pública Seaga, a través do cal se lle presta apoio a administracións locais e propietarios para cumprir coas súas obrigas. Este convenio, ao que xa solicitaron a súa adhesión 295 concellos, conta cun orzamento de 25 millóns de euros anuais, o dobre que o ano pasado, e reforza os apoios aos municipios, en especial a aqueles de menos de 10.000 habitantes.

Novidades a nivel tecnolóxico e de medios

O director xeral detallou durante a súa intervención algunhas das novidades incluídas na actualización de 2026 do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga), no que se inclúen novidades tecnolóxicas, como a ampliación dun 30 % da rede de videovixilancia; a integración da IA no sistema interno de xestión e a creación dunha app para que a cidadanía poida alertar dos incendios forestais.

En relación cos medios humanos, refórzase a Unidade de Directores de Extinción (UDEX), especializada en grandes incendios forestais, que pasa de 6 a 15 membros; e incorpóranse 42 novas brigadas para a tempada de alto risco. No eido dos medios materiais, sumaranse 16 novos bulldózeres para labores preventivas e máis medios áreos, con dous novos avións de carga en terra, un de coordinación e un helicóptero pesado.

Sobre a xornada

A Escuela Técnica Superior de Ingeniería de Montes, Forestal y del Medio Natural da Universidad Politécnica de Madrid acolleu esta xornada entre hoxe e onte. O director xeral de Defensa do Monte estivo presente ambos os dous días e, ademais, o programa tamén contou coa participación Francisco Losada, en representación do persoal técnico do SPIF da Consellería do Medio Rural, nun relatorio sobre o incendio de Larouco. En concreto, abordou desde unha perspectiva técnica os condicionantes deste lume e a súa evolución. Ao mesmo tempo, tamén salientou a dificultade da orografía e o elevado número de núcleos de poboación que se defenderon no medio da dispersión xeográfica que caracteriza Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/05/2026