Miguel Corgos debuxa unha Galicia máis competitiva, innovadora, dixital e verde coa colaboración dos fondos europeos
O Comité de Seguimento do programa FEDER de Galicia 2021‑2027 reuniuse en Santiago de Compostela
O conselleiro de Facenda pediu maior información sobre o grado de avance do programa plurirrexional na Comunidade galega para optimizar o despregue do financiamento europeo
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2025
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, debuxou unha Galicia máis competitiva, innovadora, dixital e verde coa colaboración dos fondos europeos. Fíxoo durante a benvida aos membros do Comité de Seguimento do Programa Galicia FEDER 2021-2027 hoxe en Santiago de Compostela, onde optou por reforzar, ao mesmo tempo, “o acceso igualitario a servizos públicos de calidade, especialmente en ámbitos como a educación e a sanidade”.
O responsable da Facenda galega explicou que, dos 2.132 millóns de euros asignados a Galicia con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional -preto do 9 % do total correspondente a España- 940 M€ canalízanse a través do Programa rexional. Isto, xunto ao correspondente cofinanciamento, permitirá mobilizar “un investimento total de máis de 1.560 millóns de euros”.
Na súa intervención, Miguel Corgos aproveitou para pedir que nos Comités de Seguimento a Autoridade de Xestión proporcione máis información sobre o grado de avance do programa plurirrexional de España en Galicia, para “asegurar a complementariedade e optimizar o despregue do financiamento europeo na nosa rexión”.
O futuro da política de cohesión
O conselleiro aludiu tamén aos retos do futuro da política de cohesión cando se está a ultimar a negociación do marco financeiro plurianual 2028-2034, “decisiva para o futuro da Unión Europea e das súas políticas comúns”. Miguel Corgos explicou que “ Galicia defende unha política de cohesión forte, modernizada e con financiamento suficiente”, para reforzar o papel das rexións e preservar unha gobernanza multinivel, baseada nos principios de asociación e subsidiariedade.
O novo contexto pide un traballo intenso e coordinado para defender e preservar a política de cohesión, explicou Corgos, que require da participación activa das rexións na elaboración dos futuros plans de colaboración nacional e rexional e na definición dunha estratexia propia “que permita a Galicia chegar preparada ao próximo período de programación e aos novos desafíos europeos”, concluíu o conselleiro de Facenda.
A reunión, na que se fai balance da situación e o grado de avance do Programa FEDER de Galicia 2021-2027, estivo presidida polo director xeral de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública, Ángel Tarrío, e por representantes da Autoridade de Xestión do Programa do Ministerio de Hacienda. Ademais, estiveron presentes membros da Comisión Europea e das organizacións económicas e sociais con máis representatividade en Galicia.