O conselleiro de Sanidade, acompañado da delegada territorial e da xerente da área sanitaria, interveu na inauguración da nova sede do Colexio Oficial de Médicos da provincia da Coruña en Ferrol
Gómez Caamaño apela ao Goberno de España a negociar co colectivo médico tras demostrarse en Galicia que o acordo é posible
O titular de Sanidade destaca que a Xunta chegou onte a un acordo co colectivo médico que suporá a recuperación da actividade de autoconcertación e a suspensión da folga autonómica, manténdose contra a reforma do Estatuto Marco, de alcance nacional
O acordo do Servizo Galego de Saúde cos médicos mellora as condicións laborais dos facultativos na comunidade
Elevarase o importe da hora de garda ata equiparalo progresivamente á hora ordinaria; camiñarase cara á voluntariedade das gardas; haberá descanso logo da garda dos venres; e incrementaranse as retribucións dos MIR
O conselleiro pide novamente ao Goberno central que estableza un marco de regulación específico e unha mesa de negociación vinculante no que se teñan en conta as peculiaridades da profesión médica para poñer fin aos paros contra o Estatuto Marco
Ferrol, 8 de maio de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, apelou hoxe ao Goberno de España a negociar co colectivo médico tras demostrarse en Galicia que o acordo é posible.
O titular da carteira sanitaria, acompañado da delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, e da xerente da área sanitaria de Ferrol, Fernanda López, interveu no acto de inauguración da nova sede do Colexio Oficial de Médicos da provincia da Coruña en Ferrol.
A Consellería de Sanidade acadou onte un acordo moi importante co colectivo médico que vai permitir minimizar o impacto das folgas contra o Estatuto Marco do Goberno central en Galicia. A consecuencia máis inmediata deste acordo ao que se chegou supón a recuperación da actividade de autoconcertación, o que posibilitará dar unha certa estabilidade á actividade cirúrxica que se veu gravemente afectada. Ademais, suspéndese a folga de facultativos a nivel autonómico, manténdose a convocatoria contra o Estatuto Marco, de alcance estatal.
O acordo do Sergas cos médicos mellora as condicións dos facultativos na comunidade, no marco das competencias do Executivo galego, elevando o importe da hora de garda ata equiparalo progresivamente á hora ordinaria. Así mesmo, camiñarase cara á voluntariedade das gardas; haberá descanso logo da garda dos venres e subiranse as retribucións dos MIR, e defenderase un marco propio de regulación.
En consecuencia, a Xunta remarca que o Executivo galego negocia e acorda, e o Goberno central debe tomar exemplo ao respecto.
Papel clave no sistema sanitario
O conselleiro pediu novamente ao Goberno central que estableza un marco de regulación específico e unha mesa de negociación vinculante no que se teñan en conta as peculiaridades da profesión médica, para poñer fin aos paros contra o Estatuto Marco que, nestes últimos meses, provocaron a suspensión de preto de 210.000 actos médicos en Galicia.
Gómez Caamaño considera de xustiza facer un recoñecemento explícito da responsabilidade inherente ás funcións propias do persoal facultativo e poñer en valor o seu traballo fundamental dentro do sistema sanitario.
O máximo responsable do Sergas destacou, tamén, o papel clave dos colexios médicos na modificación, por parte da Xunta, da Lei de Saúde para establecer medidas de prevención e protección integral contra a violencia do sistema de saúde. Deste xeito, Galicia conta cun marco legal máis sólido e protocolos máis eficaces para protexer ao persoal da sanidade fronte ás agresións.
O titular de Sanidade incidiu nos dous grandes retos actuais da sanidade, que son o déficit de profesionais en determinadas especialidades que afecta a todo o Sistema Nacional de Saúde, e á situación que provocou o Goberno de España coa reforma do Estatuto Marco que está a promover.
Trátase -dixo o conselleiro- de dous asuntos cruciais ante os que a Xunta ten reclamado solucións urxentes ao Ministerio e ao Executivo estatal, que é a quen lle corresponde solucionar, e que están a causar un gran prexuízo á cidadanía.
Respecto da nova sede do colexio de médicos, Gómez Caamaño dixo que reafirma o compromiso do Colexio de facultativos da provincia da Coruña coa cidade de Ferrol, ademais de ser un símbolo de recoñecemento da entrega diaria destes profesionais. Tamén é un modo de agradecer a fonda pegada que numerosos médicos ferroláns deixaron na historia do Colexio Oficial de Médicos da Coruña.