A Xunta volve a esixir ao Goberno do Estado garantías xurídicas inmediatas para a continuidade do programa de auxiliares de conversa en Galicia

O conselleiro Román Rodríguez vén de remitir unha carta á ministra Milagros Tolón onde reclama que se adopten medidas urxentes para blindar a súa seguridade

O Ministerio de Educación leva catro meses de retraso na convocatoria do programa, que non se poderá executar se non modifica as condicións do mesmo

As discrepancias entre os Ministerios de Educación e de Traballo están a xerar multas millonarias por parte deste último a varias comunidades

De non atallar este escenario de xeito inminente, o Goberno central será o único responsable de que Galicia teña que prescindir desta iniciativa estratéxica de éxito

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2026

A Xunta volve a esixir ao Goberno do Estado que ofreza garantías xurídicas inmediatas para manter o programa de auxiliares de conversa nos centros educativos galegos o vindeiro curso escolar, cuxa continuidade en Galicia está en risco nestes momentos debido á irresponsabilidade e falta de vontade de dous ministerios dun mesmo goberno, como son o de Educación e o de Traballo, máxime despois de que este último impuxera multas millonarias a varias comunidades autónomas.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, vén de enviar unha nova misiva á ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes, Milagros Tolón, onde insiste, unha vez máis, en que de maneira urxente adopten medidas para dar certezas e garantir o futuro desta iniciativa a través dun marco xurídico seguro, transparente e definitivo.

A día de hoxe o Ministerio de Educación aínda non convocou o programa para o vindeiro curso, o que supón xa catro meses de retraso sobre a data habitual de xaneiro. Esta demora acumulada impide, de facto, que o programa se vaia poder desenvolver con normalidade o próximo curso. A maiores, únese a incerteza xurídica da convocatoria á que o Ministerio tampouco ofrece ningunha solución, pese ás reiteradas demandas por parte da Consellería.

Programa de éxito desde hai 15 anos

De non resolverse este escenario de maneira inminente e con todas as garantías, o Goberno do Estado aboca a Galicia a prescindir deste programa estratéxico cuxos resultados se reflicten en indicadores como que os alumnos galegos presentan o maior nivel de coñecemento de inglés do consulto de España, segundo o Informe EF.

O programa de auxiliares de conversa está deseñado polo Ministerio de Educación, que é quen marca os requisitos, mentres que o Goberno galego cumpre coas condicións marcadas desde o Estado e, ademais, faise cargo da maior parte do custo do mesmo asumindo o 90% do seu financiamento. As persoas que participan neste programa non teñen a condición de traballadores do Réxime Xeral da Seguridade Social, que agora está a esixir a Inspección de Traballo. Non obstante, contan con todas as coberturas, cun seguro médico, así como cun ingreso en concepto de axuda para gastos de aloxamento e manutención que sufraga a propia Xunta (4,8 M€ dos 5,2 M€ totais).

Data de actualización: 09/05/2026