O presidente da Xunta presidiu hoxe o acto de entrega destes galardóns a estudantes da ESO, Bacharelato, FP e Ensinanzas Artísticas
Rueda enxalza o talento e o esforzo dos 106 alumnos galegos galardoados cos premios académicos como o mellor exemplo da "Galicia Calidade"
“É un tesouro que hai que coidar porque aí está o futuro do país”, resalta
Destaca que estes recoñecementos á excelencia académica son o froito do traballo conxunto entre alumnado, familias e profesorado
Reivindica o papel da Administración para garantir a igualdade de oportunidades e lembra que Galicia é a única comunidade con educación gratuíta desde a escola infantil ata a universidade
Subliña a aposta do Goberno galego pola calidade cun investimento este ano de 74 M€ en obras nos centros e o maior número de docentes na historia de Galicia
A Xunta avanza nun acordo histórico cos sindicatos para reducir ratios e mellorar a atención á diversidade
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou o talento, ao esforzo e a dedicación dos 106 alumnos e alumnas galardoados nos Premios académicos de ESO, Bacharelato, FP e Ensinanzas Artísticas, a quen cualificou como un exemplo para as seguintes xeracións. “Ese talento, esa Galicia Calidade na educación que se transforma en resultados, é un tesouro que hai que coidar porque aí está o futuro do país”, indicou.
No acto, no que estivo acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, Rueda destacou o esforzo que supón chegar a este nivel de excelencia e quixo tamén facer partícipes do éxito ás familias, aos docentes e ao conxunto “da comunidade educativa”.
O presidente do Goberno galego reafirmou o compromiso da Xunta coa educación pública como piar básico da igualdade de oportunidades e defendeu un modelo de ensino que “aposta pola excelencia e que premia aos que se esforzan”. Nesta liña, resaltou que o Goberno autonómico traballa para que poder estudar “non dependa de onde un viva ou da capacidade da familia” senón unicamente “de ter ganas e capacidade de esforzo”. Lembrou que Galicia consolidouse como a única comunidade autónoma de España na que a educación é completamente gratuíta, desde a entrada na escola infantil ata o remate dos estudos universitarios.
Ademais, o sistema educativo galego é o máis inclusivo do Estado, cun 94,2% do alumnado con necesidades especiais escolarizado en centros ordinarios, un camiño no que se seguirá afondando coa Estratexia de Inclusión 2030.
Melloras constantes no sistema educativo
Rueda desgranou as ferramentas coas que o Goberno galego apoia esta busca da excelencia, destacando que este curso Galicia conta “co maior número de profesores da súa historia” (máis de 31.700) e unha das mellores ratios alumno/profesor de España (unha media de 9,7 fronte a 11,1 estatal). Ademais, destacou os 74 M€ reservados nos orzamentos autonómicos deste ano para obras en centros educativos.
A Xunta vén de presentar unha proposta de acordo cos sindicatos que permitirá seguir avanzando na calidade do ensino. Así, estase avanzando nunha proposta para reconfigurar o horario do profesorado e que dedique máis tempo á atención personalizada; adiantar en cinco anos a redución de rateos na ESO (pasando de 30 a 25 alumnos por aula a partir de 2028); e, en relación ao ámbito da atención a diversidade, un plan de impulso con máis especialistas e orientadores.