A Xunta dá luz verde ambiental ao cambio de uso de solo forestal a agrícola de 110 parcelas para o plantado de viñedos no Concello de Boqueixón
A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que o proxecto teña impactos significativos sobre a contorna sempre e cando se cumpran os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
A iniciativa para cultivar vides abrangue unha superficie de 4,8 hectáreas localizadas nas parroquias de Codeso, Sucira e Pousada
Para cambiar a funcionalidade orixinal dos terreos, eliminarase o estrato arbóreo, prepararase o solo, abonarase, instalaranse postes e arame e plantaranse as vides
Santiago de Compostela, 9 de maio de 2026
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental a unha iniciativa para cambiar o uso do solo de forestal a agrícola de 110 parcelas -que suman unha superficie de 4,8 hectáreas e localizadas nas parroquias de Codeso, Sucira e Pousada, no concello de Boqueixón- para o plantado de viñedos.
Segundo conclúe o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos na contorna derivados do proxecto sempre que no seu desenvolvemento se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada como na propia resolución autonómica.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública sen que se recibira ningunha achega por parte do público en xeral, ao tempo que foron consultados un total de 11 organismos interesados.
Froito desas consultas, as entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
En concreto, conclúen que sería viable a posta en marcha do proxecto sempre que se cumpran as condicións específicas dispostas nos seus respectivos informes en relación con aspectos tales como a protección da atmosfera, a poboación e a saúde; das augas e dos leitos fluviais; do solo e das infraestruturas; sobre o patrimonio natural e cultural; xestión de residuos; integración paisaxística e restauración ou a prevención de riscos.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e daráselle publicidade tamén nos próximos días a través dun anuncio no Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Para executar este proxecto nas parroquias de Codeso, Sucira e Pousada prevese realizar labores de retirada do estrato arbóreo existente, a preparación dos terreos (con movementos de terra e a retirada de pedras, entre outras actuacións), hidrosementeira de noiros, abonado, colocación de postes e arame e o plantado das vides.
O ámbito desta iniciativa, promovida por Viñedos Altos de Torona SL, é unha zona de pouca pendente dominada por pradarías, terreos dedicados á reforestación, masas de arborado autóctono e amplas parcelas que albergan plantacións de vide. Os núcleos de poboación próximos son de pequena entidade e asociados á actividade agrícola.