A Xunta lanza un novo espazo dixital de formación para impulsar a competitividade e profesionalización de persoas autónomas, comerciantes e emprendedoras
O Goberno galego vén de poñer en marcha o novo Campus formativo de emprego autónomo, unha plataforma destinada a mellorar e facer medrar os pequenos negocios mediante formación práctica, sinxela e orientada a resultados
Trátase de formacións curtas, adaptadas ao ritmo de aprendizaxe de cada persoa e organizadas en pílulas de 5 minutos, con retos para que os participantes apliquen os contidos de xeito práctico e apoio titorizado para a resolución de dúbidas
Na actualidade xa está aberto o curso ‘Vender por WhatsApp Business’, centrado no uso profesional desta ferramenta como canle de venda e atención ao cliente, incorporando contidos aplicados ao día a día das actividades económicas
Nas vindeiras semanas iranse incorporando novas propostas, entre as que se inclúen contidos orientados á xestión económica dos negocios e aos aspectos básicos de alta e organización de actividades por conta propia
Santiago de Compostela, 9 de maio de 2026
No marco do compromiso da Xunta co emprego por conta allea, o Goberno galego vén de poñer en marcha o novo Campus formativo de emprego autónomo, un espazo dixital dirixido a persoas autónomas, emprendedoras e comerciantes para mellorar e facer medrar os seus negocios mediante formación práctica, sinxela e orientada a resultados.
O obxectivo desta plataforma de teleformación gratuíta é fortalecer a capacidade de adaptación do tecido produtivo galego, ofrecendo unha programación formativa actualizada, práctica e orientada ás necesidades reais do mercado, coa finalidade de mellorar a competitividade, a dixitalización e a sustentabilidade dos negocios.
Trátase de formacións curtas, adaptadas ao ritmo de aprendizaxe de cada persoa e organizadas en 10 módulos por curso, con pílulas formativas de aproximadamente 5 minutos, incluíndo retos para que os participantes apliquen os contidos de xeito práctico. Tamén contan con titorización especializada para acompañar ás persoas participantes durante o proceso formativo, resolvendo dúbidas e ofrecendo apoio personalizado.
Na actualidade xa está aberto o curso Vender por WhatsApp Business con mensaxes, seguimento e peche, que se centra no uso profesional desta ferramenta como canle de venda e atención ao cliente, incorporando contidos aplicados ao día a día das actividades económicas.
Nas vindeiras semanas seguiranse incorporando novas propostas formativas, como Valórate: rentabiliza o teu negocio con prezos, custos e descontos ben definidos, un curso práctico dirixido a autónomos e microempresas para aprender a calcular custos reais, fixar prezos rendibles e mellorar marxes con criterio. A través de casos reais, as persoas usuarias aprenderán a facer estratexias de prezos, descontos e vendas —incluído WhatsApp— para aumentar o ticket medio. Inclúe ferramentas, plantillas e un plan de acción de 30 días para profesionalizar a xestión económica do seu negocio.
Outro dos cursos previstos é Persoa autónoma ou sociedade: alta e obrigas básicas, unha formación práctica para aprender a darse de alta como autónomo ou constituír unha sociedade, cumprindo todas as obrigas legais, fiscais e administrativas. Coñeceranse paso a paso os trámites, modelos oficiais e requisitos clave para xestionar a actividade con seguridade. Inclúe unha visión clara da estrutura legal, facturación, impostos e mantemento do negocio desde o inicio.
As persoas autónomas interesadas poden inscribirse e consultar a programación na seguinte ligazón: https://formacion-empregoautonomo.xunta.gal/.