A Xunta impulsa en Oroso a comercialización da Artesanía de Galicia durante a XVIII Festa da Troita
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá a Feira Galega de Artesáns que se celebra ata mañá domingo e na que participan 13 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia
Este evento forma parte dun calendario de feiras de venda directa impulsadas pola Asociación Galega de Artesáns (AGA) co apoio da Xunta que se celebran en diferentes localidades galegas ata o mes de setembro
Oroso (A Coruña), 9 de maio de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, achegouse esta mañá ata a Feira Galega de Artesáns de Sigüeiro (Oroso), que se celebra coincidindo coa XVIII Festa da Troita. Na feira, que estará aberta ata mañá domingo en horario de 11,00 a 21,00 h., participan 13 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e especializados na marroquinería, na bixutería, na serigrafía, no téxtil e na manipulación de papel.
En concreto, trátase dos obradoiros Laura Gallardo (Santiago de Compostela), D Rositas (Rois), Casperlota (Paderne), Barro&Co (Vilarmaior), Chueco (A Coruña), Jerolas (Curtis), Azulgris (Ferrol), Dona Formiguiña (A Estrada), Art Design (Lugo), Como pez en el agua (Vigo, Liño e lá (Gondomar) e os obradoiros Silvereira e Joiasos, procedentes de Ames.
A Feira Galega de Artesáns está organizada pola Asociación Galega de Artesáns (AGA) co apoio da Xunta a través da Fundación Artesanía de Galicia, e forma parte dun calendario de feiras de venda directa que se van desenvolver en diferentes localidades galegas ata o mes de setembro. Esta colaboración realízase a través dun convenio entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e AGA co obxectivo de impulsar a comercialización do produto artesán galego, consolidar a marca Artesanía de Galicia e dinamizar o comercio e o turismo en diferentes localidades.
Ata o mes de setembro deste ano está previsto celebrar 12 feiras de venda directa, protagonizadas exclusivamente por profesionais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía da Xunta de Artesanía de Galicia. Ata o de agora xa se realizaron as feiras en Ferrol, en Padrón, en San Sadurniño e en Ribadavia e están confirmadas xa as datas destas feiras na Estrada (o 17 de maio coincidindo coa Festa do Salmón), en Ribadeo (do 19 ao 21 de xuño), en Foz (do 3 ao 5 de xullo), en Ribeira (os días 20 e 21 de xullo, coincidindo coa Festa da Dorna) e en Ponteareas, os días 5 e 6 de setembro.
O obxectivo destes eventos é achegarlle o produto artesán galego á sociedade, consolidar a marca Artesanía de Galicia, contribuír á dinamización cultural, económica e turística de cada zona e ofrecerlle aos artesáns un espazo de venda directa de calidade en diferentes zonas de Galicia.