A Xunta adxudica a xestión integral do Complexo Deportivo de Monterrei para a campaña de verán 2026 cun orzamento de case 1 M€

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle a contratación, que se prolongará de maio a setembro e prevé a creación de máis de 70 postos de traballo

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2026

A Xunta publicou na Plataforma de contratos públicos de Galicia a adxudicación á empresa  Osventos Innovación en Servizos a xestión integral do Complexo Deportivo de Monterrei, no concello do Pereiro de Aguiar, para a campaña de verán deste ano, cun orzamento de case un millón de euros. A duración do contrato, que como novidade inclúe tamén a xestión da cafetería, estenderase desde maio ata setembro e pode prorrogarse ata catro anos máis.

Para prestar o servizo, prevese a contratación de máis de 70 persoas, incluíndo 30 socorristas con acreditación profesional, e persoal técnico sanitario, así como para mantemento, limpeza, portelo, cafetería e equipo de supervisión.

Coa adxudicación do contrato resólvese a licitación publicada o pasado mes de febreiro por un importe de preto de 992.000 euros mediante un procedemento de adxudicación aberto, con aplicación dunha pluralidade de criterios de adxudicación, por ser o que mellor garante os principios de igualdade e transparencia e o que facilita a libre concorrencia das licitadoras, así como a consecución das mellores condicións contractuais para a Administración.

O orzamento global das instalacións desta área deportiva e de lecer ascenderá a preto de 13 millóns de euros, dos que nove foron sufragados pola Xunta e os 3,6 restantes se enmarcan no acordo asinado entre o Goberno galego e a Deputación de Ourense para garantir o remate do parque acuático.

Ampliación das instalacións

Cómpre lembrar que na actualidade están en marcha no parque acuático deste complexo deportivo as obras da fase dúas, coa construción dun río lento, por importe de case 1,9 millóns de euros e das fases tres e catro, por importe de case 1,85 millóns de euros. Con todas elas completarase o equipamento, ampliando a instalación con novos vasos e outros elementos lúdicos e deportivos que estarán xa en uso este verán.

A infraestrutura converterase así nun amplo complexo lúdico-deportivo no que se integran dúas zonas diferenciadas e complementarias. Por unha banda, unha zona deportiva con pista polideportiva, pistas de tenis, pádel, circuíto de cros e pista de pump track, executada nunha fase previa cun investimento superior ao millón de euros, e, por outra, o parque acuático, do que financiou integramente a primeira fase con 7,8 millóns de euros para a construción do edificio principal de servizos e accesos, unha zona acuática infantil, área de tobogáns e piscinas.

Data de actualización: 08/05/2026