Arias salienta na inauguración de Equigal o apoio da Xunta para promover o deporte da hípica en Galicia
Lugo, 8 de maio de 2026
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou hoxe na inauguración da décimo novena edición de Equigal, o Salón Internacional do Cabalo de Galicia, que se celebra desde hoxe ata o día 17 no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.
Arias salientou que o Goberno galego apoia o evento e colabora coa Federación Hípica Galega, achegando anualmente máis de 80.000 euros mediante un convenio para financiar actividades deportivas e de promoción ou gastos de funcionamento. “O obxectivo -apuntou- é dar soporte ao gran traballo que fan a Federación e os clubs, que seguen gañando espazos para a hípica en Galicia e reúnen xa arredor de 5.000 licencias deportivas”.
Así mesmo, sinalou que Equigal “consolida Lugo como referente no ámbito ecuestre grazas ao nivel dos concursos nacionais e internacionais; dinamiza social e economicamente a cidade, e contribúe a difundir este deporte, especialmente entre os escolares que teñen a oportunidade de participar nos bautismos ecuestres”.