O conselleiro de Sanidade interveu nunha xornada sobre atención médica a persoas adultas con síndrome de Down celebrada en Santiago de Compostela
Gómez Caamaño traslada o compromiso da sanidade pública galega co reforzo da atención ás persoas con síndrome de Down para previr o envellecemento precoz e mellorar a súa calidade de vida
O conselleiro aposta pola implantación de medidas e protocolos que faciliten a mellor asistencia específica no eido da síndrome de Down
Considera necesario facer revisións periódicas e abordar aspectos físicos, cognitivos e emocionais
Destaca a enorme achega da Federación Down Galicia por ofrecer unha resposta integral, educativa, sanitaria, residencial e laboral ás persoas con síndrome de down e ás súas familias
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, trasladou o compromiso expreso da sanidade pública galega co reforzo da atención ás persoas con síndrome de Down para previr o envellecemento precoz e mellorar a súa calidade de vida.
O titular da carteira sanitaria interveu nunha xornada sobre atención médica a persoas adultas con síndrome de Down que organiza a Federación Down Galicia en Santiago de Compostela.
Neste acto, Gómez Caamaño incidiu na implantación de medidas e protocolos que faciliten a mellor asistencia específica no eido da síndrome de down e, por iso, considera de especial interese as boas prácticas que conducen á prevención do envellecemento precoz destas persoas ou á detección temperá do Alzhéimer.
Tamén considera necesario a necesidade de facer revisións periódicas e deseñar protocolos que aborden aspectos físicos, cognitivos e emocionais.
O conselleiro destacou a presenza na xornada do doutor Moldenhauer, referencia estatal en materia de saúde das persoas con síndrome de down, especialmente na idade adulta.
O máximo responsable do Sergas puxo en valor a enorme achega da Federación Down Galicia, por ofrecer unha resposta integral, educativa, sanitaria, residencial e laboral ás persoas con esta síndrome e ás súas familias.
Igualmente, incidiu en que a Comisión de Envellecemento de Down Galicia leva 12 anos traballando e os resultados deste labor, que se presentan na xornada, serán de grande interese.