A Xunta reforza o seu compromiso co deporte e a posta en valor do territorio na Montefaro Enduro Race 2026

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no Concello de Ares na presentación desta proba organizada polo Club Pulpeiros e da que sairán os campións da Copa de España de BTT Enduro

Ares (A Coruña), 11 de maio de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no Concello de Ares na presentación da Montefaro Enduro Race 2026, da que sairán os campións da Copa de España de BTT Enduro, que se celebrará o próximo 24 de maio nas pistas do entorno de Montefaro e o miradoiro da Bailadora.

Aneiros felicitou ao Club Pulpeiros pola organización desta proba que cualificou de referente no mundo do ciclismo de montaña e defendeu que o evento é máis ca unha competición, xa que representa “o resultado de anos de esforzo, de colaboración e de aposta por un deporte que require preparación, técnica, resistencia e que ten unha forte vinculación coa contorna natural”, indicou.

A representante autonómica tamén aludiu na súa intervención á oportunidade que supón celebrar esta proba na zona de Ares e Mugardos, “cuxa contorna natural converte esta carreira nun exemplo de como o deporte pode convivir coa posta en valor do territorio e co respecto pola nosa paisaxe”. Aproveitou tamén para reforzar o respaldo da Xunta a iniciativas que promoven o deporte e fortalecen o tecido social e económico do territorio.

A carreira, que inclúe diferentes etapas nas que os corredores compiten contrarreloxo durante os tramos de descenso cronometrados, disputarase nas categorías elite, sub 23, junior, cadete, master A, master B e enduro. Tamén haberá categoría amateur e eléctrica. Ata o momento, contan con 160 deportistas anotados, aínda que a inscrición permanece aberta ata o día 17 de maio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/05/2026