Máis dun cento de rapaces participan no XI Campus de Baloncesto Álex Llorca, que se desenvolve esta semana en Lugo co apoio da Xunta

A Delegación Territorial acolleu hoxe unha recepción aos 111 inscritos, que proceden de distintos puntos de Galicia e de Cantabria, Madrid e Castela e León

Lugo, 9 de xullo de 2026

Lugo acolle esta semana a undécima edición do Campus de Baloncesto Álex Llorca, que conta un ano máis co apoio da Xunta. Nesta edición participan un total de 111 rapaces e rapazas, de entre 8 e 18 anos, procedentes de distintos puntos de Galicia e tamén de Castela e León, Cantabria e Madrid, que ata o vindeiro domingo combinan a práctica deportiva con actividades formativas, de lecer e convivencia.

A Delegación Territorial acolleu hoxe unha recepción aos participantes, que contou coa presenza do delegado territorial, Alfonso Villares; o xogador profesional e impulsor do campus, Álex Llorca; e Rubén Engroba, en representación da organización, entre outros.

Villares destacou a relevancia de iniciativas coma esta “para promover o deporte base e transmitir entre os máis novos valores como o esforzo, a superación ou o traballo en equipo”, ao tempo que felicitou aos organizadores por consolidar un campus “que é xa un referente do baloncesto formativo”.

A Xunta colabora novamente con esta iniciativa e facilita o aloxamento dos participantes que asisten en réxime interno, contribuíndo así ao desenvolvemento dunha actividade que cada verán reúne en Lugo a mozos e mozas de diferentes procedencias arredor da súa paixón polo baloncesto.

Ao longo da semana, os inscritos participan en adestramentos técnicos e tácticos, competicións, charlas formativas e actividades de ocio, acompañados por un equipo integrado por unha vintena de profesionais entre adestradores, preparadores e persoal de apoio. O programa está orientado tanto á mellora deportiva como ao desenvolvemento persoal dos asistentes.

O Campus Álex Llorca alcanza este ano a súa undécima edición, superando xa os 1.300 participantes desde a súa creación e consolidándose como unha das propostas deportivas de referencia do verán en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/07/2026