A directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade participou hoxe na presentación oficial do evento

A Xunta aposta por impulsar o consumo responsable e a reciclaxe coa celebración en Santiago da sexta edición do mercado circular do Tinglado

María José Echevarría explica que a iniciativa terá lugar no centro comercial Área Central a última fin de semana de maio, cun total de 80 expositores dispoñibles para vender todo tipo de produtos usados e poder darlles así unha segunda vida

As persoas interesadas en participar poden inscribirse de forma gratuíta desde hoxe e ata o luns 25 de maio a través da páxina web otinglado.gal

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2026

A Xunta de Galicia continúa apostando por impulsar entre a cidadanía galega hábitos de consumo responsable que incidan no fomento da reciclaxe e en fórmulas alternativas que minimicen a xeración de residuos.

Así o destacou a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarrría, durante o acto de presentación da que será a sexta edición do mercado circular do Tinglado, organizado polo seu departamento por primeira vez a finais de 2024 para concienciar sobre a importancia de darlle unha segunda vida a produtos en perfectas condicións e que acollerá neste ocasión a cidade de Santiago de Compostela.

Tras o “éxito” das cinco citas anteriores —organizadas en Vigo, Ferrol, A Coruña e Pontevedra, ademais da edición especializada en material de surf en Valdoviño—, a directora xeral explicou que o próximo Tinglado terá lugar a última fin de semana de maio no centro comercial Área Central, onde a cidadanía terá a oportunidade de vender e mercar todo tipo de produtos en bo estado, como roupa, libros, xoguetes, artigos de fogar e de decoración, para darlles un segundo uso.

Neste sentido, Echevarría destacou a importancia de iniciativas coma esta, coas que se busca “impulsar un cambio de hábitos, promovendo un consumo máis responsable e sostible, ligado tamén á cultura da reparación”. Con tal fin, indicou que se porá á disposición dos particulares que queiran participar no Tinglado de Santiago un total de 80 expositores co mobiliario necesario para expoñer os seus artigos. O horario de venda ao público será de 10,00 h. a 14,00 h. e de 16,00 h. a 20,00 h. tanto o sábado día 30 de maio como o domingo 31.

Todas as persoas interesadas en vender os seus produtos neste mercado de segunda man poden inscribirse de balde desde hoxe e ata o vindeiro 25 de maio na páxina web otinglado.gal e en caso de que se reciban máis peticións que espazos dispoñibles, a adxudicación realizarase por rigorosa orde de recepción dos formularios.

Ademais, tal e como salientou a directora xeral, esta nova edición do Tinglado celebrarase en Área Central, un centro comercial que destaca precisamente por apostar polo modelo outlet, recuperando artigos de coleccións anteriores, stocks sobrantes ou produtos con pequenas imperfeccións que non afectan á súa funcionalidade, “un lugar idóneo” para acoller o evento, sinalou, xa que contribúe á economía circular.

Plan de residuos municipais

A iniciativa do Tinglado enmárcase no Plan sectorial de xestión de residuos municipais de Galicia 2030, co que a Xunta busca implicar ás entidades locais na implantación dun modelo circular que contribúa a cumprir coas exixencias normativas en materia de residuos e fomente a conciencia sobre o valor das cousas e a necesidade de alongar o máximo posible a súa vida útil.

Con este documento de planificación o Goberno galego aspira a reducir en 2030 un 15% a xeración de refugallos respecto a 2010, un 50% os residuos alimentarios por persoa na venda retallista e aos consumidores e un 20% as perdas de alimentos ao longo das cadeas de produción e subministración.

Nesa liña, cómpre salientar que, co anterior plan, entre outros aspectos, Galicia logrou reducir máis dun 5% a produción de residuos e os refugallos enviados a vertedoiro descenderon case un 37%, de xeito que a comunidade se sitúa por debaixo da media estatal e máis próxima á media europea. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/05/2026