A Xunta acreditará como guías da eclipse a escolares que participen en actividades sobre astronomía
A Consellería de Educación propón probas creativas ao alumnado sobre exploración do ceo, astronomía ou astrofísica como parte da divulgación científica da eclipse
Os estudantes do programa Polos Creativos que se impliquen nesta iniciativa ata final de curso recibirán un carné de guía da eclipse e unhas gafas para observala
Lánzanse, ademais, retos STEM para colexios e institutos que presenten un proxecto máis elaborado, dos que se seleccionarán ata 20 e serán premiados en xuño
Santiago de Compostela, 10 de maio de 2026
A Xunta propón aos centros educativos un programa de actividades sobre astronomía e exploración do ceo que permitirá acreditar ao alumnado como guías escolares da eclipse solar total que terá lugar no mes de agosto e que será especialmente visible en Galicia. Para obter este certificado, os estudantes recibirán formación sobre este fenómeno a través do programa Polos Creativos e terán que pasar varios retos vinculados ao ámbito da astronomía.
Esta iniciativa, que leva por título Polos eclipsados, enmárcase nas accións que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP pon a disposición da comunidade escolar grazas á programación Galicia explora o ceo. Camiño da eclipse. O alumnado desde 5º e Primaria ata 4º da ESO poderá recibir a formación necesaria para obter o carné que o acreditará para operar como guía da eclipse para as súas familias, amigos e veciños.
Para iso, os colexios e institutos que desexen participar poden inscribirse ata o 29 de maio a través da convocatoria lanzada no Portal Educativo. Accederán a material específico así como ás instrucións con todas as probas do programa. Os equipos estarán formados por clases completas ou por grupos de varios alumnos e un docente.
Tres misións, incluída unha maqueta 3D
Para obter o certificado astronómico, o alumnado terá que pasar varias probas. Unha delas é un cuestionario con preguntas sobre a eclipse, logo de recibir formación na aula sobre este fenómeno e dípticos coa información precisa. A segunda proba obrigatoria será a realización dunha maqueta sobre a eclipse con impresoras 3D. E a terceira misión necesaria será escoller unha das actividade propostas no programa, relacionadas coa monitorización da eclipse, as constelacións ou a exploración espacial empregando o material dos Polos Creativos ou propoñer un reto propio. O alumnado que complete as actividades recibirá o seu carné de guía e unhas gafas de observación segura.
Pezas de audio e vídeo, xogos, simulacións...
Ademais do certificado astronómico, o programa Polos Eclipsados propón retos STEM, actividades que supón un chanzo máis no nivel dos traballos e os equipos que se inscriban neste capítulo optarán a premios. Neste caso, os proxectos presentados polos centros resolverán retos de comunicación e divulgación científica sobre astronomía, astrofísica ou exploración espacial, así como didáctica das ciencias do espazo.
Poderán presentarse en formato maqueta, simulacións, pezas de audio e vídeo, xogos ou presentación. Tamén poderán vincularse con aspectos artísticos, resaltando os valores culturais, estéticos e poéticos da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría ou as matemáticas, sendo o rigor científico un elemento irrenunciable en todas as actividades presentadas.
Dos traballos presentados seleccionaranse ata 20 e os colexios gañadores recibirán, como premio, material complementario de Polos Creativos, desde sets de ferramentas, ata monitores de alta definición, pantallas de 75``, impresoras 3D ou mobiliario.
Cada centro poderá presentar varios equipos pero, no caso de resultar seleccionado, o recoñecemento será único para todos. Os galardóns e agasallos entregaranse nun evento final que se celebrará a final de curso no que os equipos amosarán os seus traballos.