O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron na presentación da XII Carreira Camiño das Letras no Gaiás

A Xunta apoia unha nova edición da proba que une deporte e cultura no Día das Letras Galegas

Destacan esta “maneira diferente de celebrar a efeméride aproveitando a gran resposta deste tipo de convocatorias para fomentar o interese pola literatura galega”

A cita é o propio domingo 17 de maio e conta cun percorrido de 15 km, outro de 5 polas inmediacións da Cidade da Cultura e un circuíto para a cativada

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2026

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron hoxe na presentación da XII Carreira Camiño das Letras, unha cita apoiada pola Xunta de Galicia que unha edición máis celebra esta efeméride “dunha maneira diferente, unindo cultura, deporte e ruta xacobea como tres dos piares da Galicia Calidade”, apuntaron.

Deste xeito, durante o acto, felicitaron a organización desta proba, a empresa Xurdir e a Federación Galega de Atletismo, “por seguir apostando por esta iniciativa nunha data sinalada que celebramos todos os galegos e galegas”. Engadiron, ademais, que “esta é unha mostra das colaboracións que levamos a cabo desde o Executivo autonómico con todo tipo de propostas que sirvan para poñer en valor e impulsar a nosa cultura e a nosa lingua a través das Letras Galegas”.

Neste senso, lembraron a importancia de “aproveitar este tipo de convocatorias que teñen unha gran resposta entre a sociedade, e sobre todo entre a xuventude, para fomentar o interese pola literatura en galego”. De feito, as persoas participantes recibirán un libro de agasallo xunto co seu dosrsal.

A cita será o propio domingo 17 de maio e constará dunha proba absoluta, cun percorrido de 15 km, que partirá ás 10,00 horas desde o Pico Sacro, seguindo o camiño sueste da Vía da Prata, ata a Cidade da Cultura. Ademais, farase unha carreira de 5 km na contorna da do Gaiás, con saída ás 10,05 horas, que inclúe o Bosque de Galicia, ofrecendo unha alternativa para que poidan tomar parte todo tipo de corredores. A maiores, e co mesmo obxectivo de abrir a participación a todas as condicións e idades, contarase cun circuíto especial para a cativada no recinto.

As inscricións xa están abertas na web carreirasgalegas.com ata o xoves 14 ás 23,59 horas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/05/2026