Medio Rural salienta o liderado de Galicia dentro de España en certificación forestal sustentable

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2026

A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, Luisa Piñeiro, mantivo este mediodía unha reunión con representantes da organización de certificación forestal Forest Stewardship Council (FSC) España. O encontro serviu para avanzar na colaboración a prol da certificación forestal dos montes galegos, un eido no que a nosa comunidade ocupa un lugar de liderado dentro de España.

Así, na xuntanza púxose en valor que a maioría dos montes de xestión pública de Galicia contan con certificación forestal sustentable. Deste xeito, os máis de 1.400 terreos destas características, que abranguen unha superficie de preto de 230.000 hectáreas, teñen certificadas cerca de 200.000 hectáreas, é dicir, arredor do 85 %.

A Xunta e os axentes do sector coinciden en apostar pola xestión forestal ambientalmente responsable, xa que esta asegura que o aproveitamento de produtos forestais madeirables e non madeirables contribúe a manter a biodiversidade, a produtividade e os procesos ecolóxicos do monte. Todo isto, en liña cos obxectivos marcados pola primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara a neutralidade carbónica”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/05/2026