Medio Rural avalía vías de colaboración cos concellos da Baixa Limia en materia de prevención de incendios

O director xeral de Defensa do Monte reuniuse hoxe cos alcaldes de Entrimo, Bande, Lobios, Lobeira e Muíños

Ourense, 11 de maio de 2026

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, reuniuse hoxe cos alcaldes da comarca da Baixa Limia, conformada polos concellos de Entrimo, Bande, Lobios, Lobeira e Muíños. Nesta xuntanza avaliaron vías de colaboración en materia de prevención de incendios forestais.

O director xeral lembrou as diferentes ferramentas que a Consellería do Medio Rural pon a disposición das administracións locais no eido da prevención de lumes, como son os convenios para a adquisición de maquinaria e brigadas ou o sistema público para a xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Neste sentido, cómpre sinalar que a Consellería asinou a finais do ano pasado un novo convenio coa empresa pública Seaga para dar apoio a propietarios e concellos no cumprimento das súas obrigas en materia de xestión da biomasa en franxas secundarias. Esta colaboración está dotada cun orzamento de 25 millóns de euros anuais, o dobre que na anterior, e xa solicitaron a súa adhesión 295 concellos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/05/2026