A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade

A Xunta e o concello de Pantón avalían a mellora do saneamento en varios núcleos da parroquia de Tuiriz, cun investimento previsto de arredor de 500.000 euros

Ángeles Vázquez informou ao rexedor de que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitiu o informe ambiental estratéxico (IAE) correspondente ao Plan básico municipal (PBM) do concello

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, avaliaron hoxe varios proxectos de mellora do servizo de saneamento na localidade de cara a establecer posibles vías de colaboración para a súa execución.

Durante unha reunión mantida esta tarde en Santiago de Compostela, o rexedor e a conselleira analizaron o proxecto municipal para o saneamento de varios núcleos de poboación na parroquia de Santa María de Tuiriz co fin de conectalos á rede municipal, unha actuación na que se prevé un investimento de arredor de 500.000 euros.

Nese senso, Ángeles Vázquez indicou que o persoal de Augas de Galicia avaliará a proposta definitiva do Goberno local para determinar a súa viabilidade e establecer posibles vías de colaboración tanto técnica como financeira.

De feito, a conselleira puxo en valor o apoio técnico e económico que a Xunta vén prestando aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar uns servizos de calidade á veciñanza.

Este apoio ás administracións locais reflíctese tamén nos orzamentos deste ano, cun orzamento global de Augas de Galicia de 151,7 millóns de euros (un 5,5% máis que en 2025) dos que 7 de cada 10 euros se destinarán a abastecemento e saneamento —108,7 millóns de euros— e case a metade —73,6 millóns de euros—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.

Informe ambiental estratéxico do Plan básico municipal

A maiores, na reunión a conselleira informou ao alcalde de que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade acaba de emitir o informe ambiental estratéxico (IAE) correspondente ao Plan básico municipal (PBM) do concello, que conclúe que non se prevén efectos ambientais significativos no medio ambiente, aínda que deberán atenderse unha serie de condicións.

Este documento, que se fará público proximamente a través do Diario Oficial de Galicia e do portal web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, poderá seguir agora coa súa tramitación para dotar ao concello lucense, que carece actualmente de plan de ordenación urbanística, dun instrumento propio no que se delimiten os núcleos rurais, así como o solo rústico.

Cómpre lembrar que os PBM son instrumentos de ordenación urbanística pensados especificamente para que os concellos de menos de 5.000 habitantes e sen planeamento xeral, como é o caso, poidan desenvolver certa actividade urbanística sen establecer criterios de crecemento urbano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/05/2026