A Xunta abre o prazo de solicitude da nova edición do Retorna Cualifica Emprego coa que se prevé a volta con traballo de 200 galegos do exterior
Este programa enmarcado na Estratexia Galicia Retorna xa permitiu que 400 galegos e galegas cunha media de 35 anos volvesen desde 21 países acompañados por familiares —en total, outras 160 persoas—, para traballar en 60 concellos distintos
A iniciativa Inclúe apoios para facilitar a instalación das persoas seleccionadas en Galicia, entre eles os destinados ao alugueiro de vivenda
Como novidade, refórzase o período de prospección e acompañamento para obter resultados axustados a cada territorio, detectando as necesidades de man de obra e afinando a selección en orixe das persoas interesadas nas vacantes ofertadas
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración abre hoxe, deica o 30 de xuño ou ata o que se esgote o crédito, o prazo de solicitude da convocatoria deste ano do programa Retorna Cualifica Emprego que —cun orzamento bianual de 2,3 M€— procurará a volta con traballo dunhas 200 persoas galegas residentes no estranxeiro. Esta cifra sumaríase á acadada nas dúas edicións anteriores, cando se promoveu o retorno de preto de 400 galegos procedentes de 21 países, acompañados moitos deles pola súa familia. En total, volveron con máis de 160 persoas acompañantes para traballar en 60 concellos diferentes, o que evidencia a dimensión social e de integración da iniciativa.
En concreto, este programa enmarcado na Estratexia Galicia Retorna e no modelo propio da Comunidade para atraer talento dun xeito ordenado e planificado, está destinado ás persoas galegas que emigraron ou aos seus descendentes e que sexan menores de 55 anos, favorecéndolles a volta a Galicia con traballos ofertados en orixe polas propias empresas, que poderán dar conta das súas vacantes no portal do programa. Para iso, inclúe, entre outros aspectos, apoios para facilitar a instalación das persoas seleccionadas en Galicia. Entre eles, os destinados ao alugueiro de vivenda, que se incorporaron na convocatoria do ano pasado.
Como novidade, destaca o aumento dos 11 aos 16 meses do período de prospección e selección, o que permitirá aos beneficiarios contar con máis tempo de acompañamento polas entidades que xestionen o programa e para recadar a documentación que precisen.
Con esta convocatoria regúlase a xestión do programa mediante a selección de entidades que reúnan os requisitos esixidos para desenvolver o programa. Búscanse resultados vinculados a cada territorio detectando as empresas que demanden man de obra e seleccionando persoas candidatas que respondan aos perfís que solicita o tecido empresarial. Isto acompáñase dunha atención integral que facilita a toma de decisións tanto ao tecido produtivo interesado en poder cubrir vacantes como ás persoas con vontade de aceptar esas ofertas.
As edicións anteriores
Esta terceira edición do Retorna Cualifica Emprego súmase aos resultados das dúas anteriores. As preto de 400 persoas beneficiarias teñen unha idade media de 35 anos e entre os seus países de procedencia están A Arxentina, O Uruguai, Cuba, Venezuela, O Brasil, Colombia, México, O Reino Unido, Alemaña ou Suíza. As súas ocupacións abranguen sectores como a hostalaría, a industria e a construción, o comercio e servizos ou o agrogandeiro. En concreto, en 2025 preto de 220 empresas ofertaron ou manifestaron o seu interese por cubrir vacantes, implicando deste xeito máis de 90 concellos no seu conxunto.