A Xunta destaca o potencial da Eurorrexión para consolidar un ecosistema transfronteirizo de produción de hidróxeno verde

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, asistiu hoxe á presentación do proxecto que lidera o CTAG para a creación dun val de hidróxeno na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

“Podemos e debemos combinar o potencial das nosas enerxías renovables, as nosas infraestruturas portuarias e a nosa capacidade industrial”, di

O Porriño (Pontevedra), 13 de maio de 2026

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou hoxe o potencial que ten a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para consolidar un ecosistema transfronteirizo de produción e distribución de hidróxeno verde.

Fernández Vila asistiu hoxe á presentación do proxecto que lidera o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) -cofinanciado por Interreg España-Portugal (POCTEP) e no que colabora a Xunta-, que busca promover a creación dun val de hidróxeno na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Segundo dixo, Galicia e Portugal comparten unha vantaxe competitiva natural: unha abundancia de recursos eólicos e hídricos que son a base para xerar hidróxeno limpo. “Podemos e debemos combinar o potencial das nosas enerxías renovables, as nosas infraestruturas portuarias e a nosa capacidade industrial”, manifestou.

O director xeral apuntou que o hidróxeno ten que dar resposta a tres desafíos críticos: a descarbonización da industria pesada, a independencia enerxética e a creación de emprego de alta cualificación. “Sectores estratéxicos para ambos os dous territorios como a automoción, o naval e a siderurxia, poden atopar no hidróxeno a chave para seguir sendo competitivos nun mundo que xa non tolera as emisións de carbono”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2026