Preto de 2.700 persoas están chamadas a participar este venres nas oposicións para 228 prazas de emprego público do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais
Un operativo formado por unhas 90 persoas controlará que os procesos selectivos se desenvolvan de xeito correcto e con total seguridade
Santiago de Compostela, 14 de maio de 2026
Un total de 2.693 persoas aspirantes están chamadas a participar nas oposicións que se celebrarán este venres no recinto da Feira Internacional de Silleda para acceder a 228 prazas de emprego público.
As probas comezarán ás 9,00 horas da mañá para cubrir 29 prazas da especialidade de bombeiro/a forestal xefe/a de brigada ás que están convocadas 733 persoas e, a partir das 15,30 h., será a quenda dos 1.960 aspirantes convocados para 199 prazas na especialidade de bombeiro/a forestal.
Operativo de seguridade
Un operativo formado por, aproximadamente, 90 persoas controlará que os procesos selectivos se desenvolvan de xeito correcto e con total seguridade. O recinto feiral de Silleda disporá tamén dunha ambulancia, habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas.
As persoas que concorran a estes procesos selectivos poderán consultar toda a información relativa ás probas e ás medidas de seguridade no portal corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica.