Rueda destaca o traballo colectivo que permitiu a gran transformación da sanidade pública desde que Galicia asumiu as competencias hai 35 anos
Asegura que se trata dun “proxecto de país” ao que contribúen administracións, sanitarios, universidades, entidades sociais e pacientes
Neste tempo, pasouse dunha comunidade con maioría de consultorios a contar con 460 centros de saúde por todo o territorio e 14 complexos hospitalarios
Duplicouse o número de traballadores do Servizo Galego de Saúde ata superar os 48.000 actuais, a maior cifra da historia
O orzamento en sanidade multiplicouse por seis desde o inicio dos anos 90 e chega este ano aos 5.670 M€
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a gran transformación que viviu a sanidade pública galega desde que en 1991 rematou o traspaso de competencias por parte do Estado á comunidade autónoma. Un proceso que, asegurou, foi posible grazas a un traballo colectivo, “un proxecto de país”, no que colaboraron administracións, sanitarios, investigadores, universidades ou entidades sociais e asociacións de pacientes.
Durante a presentación do libro 35 anos da transferencia da sanidade a Galicia, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, o presidente salientou que asumir estas competencias foi unha responsabilidade histórica que permitiu xestionar un servizo esencial dun xeito máis próximo ás necesidades da poboación galega e as singularidades do territorio.
Rueda resaltou a aposta que desde o primeiro momento realizou a Xunta por dotar á sanidade pública de máis infraestruturas, máis persoal e mellor tecnoloxía co obxectivo de ofrecer unha atención sanitaria moderna, á vangarda e de calidade. Nesta liña, lembrou que, nestes 35 anos, pasouse de ter unha maioría de consultorios a contar con 460 centros de saúde espallados por toda a comunidade. Ademais, destacou os 14 complexos hospitalarios de alto nivel que hai en Galicia, que se duplicase o número de traballadores do Servizo Galego de Saúde -ao pasar de preto de 20.000 aos 48.600 actuais, que supón un récord histórico- e que o orzamento da Xunta destinado á sanidade se multiplicase por seis, chegando neste 2026 aos 5.670 millóns de euros.
O titular do Goberno galego resaltou que o sistema sanitario galego é un bo reflexo da Galicia Calidade que identifica á comunidade por todo o mundo e lembrou algúns dos fitos no eido da sanidade como contar con ser unha das primeiras autonomías en implantar a historia clínica electrónica (no 2004), contar co calendario de vacinación máis completo do mundo, ser a comunidade que antes poñerá en marcha o seu Centro de Protonterapia ou ser pioneiros en prohibir o consumo de bebidas enerxéticas aos menores de idade.
Rueda agradeceu o compromiso e dedicación de todos os traballadores da sanidade galega e lembrou que a Xunta seguirá a traballar man a man con eles para facer fronte a novos retos como o envellecemento da poboación, a falta dalgúns especialistas ou a incorporación de novas tecnoloxías.
Con este obxectivo, a Xunta está a levar a cabo a maior renovación da rede hospitalaria de Galicia coa ampliación e mellora de diferentes centros para adaptalos á medicina do futuro e, neste primeiro semestre, vaise deseñar a reforma integral para reforzar a atención primaria.