A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, visitou hoxe os traballos que se desenvolven para remodelar este viario, nos que o Goberno galego aporta 1,1M€
Allegue supervisa as obras na rúa Rubalcava de Ferrol, que forman parte do plan de Rexeneración Urbana da Cidade, ao que a Xunta destina 9M€
A renovación da rúa Rubalcava é un dos proxectos destacados dentro do conxunto de actuacións da Rexeneración Urbana de Ferrol e permitirá a transformación integral do viario cara a revitalización da contorna
A conselleira destacou esta intervención sostible e accesible nesta rúa do centro histórico de Ferrol respecta e reforza a identidade patrimonial da contorna e permitirá a súa revitalización
Ao abeiro do convenio de Rexeneración Urbana están en obras xa varias intervencións, entre elas a rehabilitación dos edificios dos Centros Cívicos Carvalho Calero e Caranza ou a creación dun equipamento social en Recimil
Ferrol, 14 de maio de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, supervisou hoxe as obras na rúa Rubalcava de Ferrol, que forman parte do conxunto de actuacións do plan para a Rexeneración Urbana da cidade, ao que a Xunta destina 9M€ dos 12M€ de orzamento.
Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, visitou os traballos que se desenvolven nesta emblemática rúa do centro histórico de Ferrol, que atravesa os barrios da Magdalena e Canido, onde está en marcha a reurbanización do treito entre a avenida do Rei ata a rúa María, para a que a Xunta aporta 1,1M€.
A intervención inclúe a renovación de pavimentos e infraestruturas, a mellora da mobilidade peonil (coa priorización de itinerarios peonís e mellora da accesibilidade), así como a modernización dos servizos de saneamento, abastecemento ou iluminación. A conselleira subliñou que a actuación reforza a identidade patrimonial da contorna e destacou que se trata dunha actuación sostible, que inclúe o soterrado de instalacións ou novo alumeado.
Allegue incidiu en que este é un dos proxectos destacados dentro do conxunto de actuacións da Rexeneración Urbana de Ferrol, “proxectos para a transformación e o despegue da cidade”.
Destacou que xa están en obras, con esta, cinco das intervencións previstas ao abeiro do convenio, entre elas a rehabilitación dos edificios dos Centros Cívicos Carvalho Calero e Caranza ou a creación dun equipamento social en Recimil.
Áreas de actuación
Hai que lembrar que o convenio asinado entre Xunta e Concello prevé unha vintena de actuacións co obxectivo da rexeneración urbana de barrios declarados BIC, históricos e situados na traza do Camiño de Santiago.
Son tres as áreas de intervención: adquisición de edificios e de solo e a súa adecuación para transformalos en infraestruturas sociais, sanitarias e culturais; a rehabilitación de edificios emblemáticosde edificios públicos para recuperar espazos emblemáticos co fin de promover actividades comunitarias e económicas; e a reurbanización de rúas, prazas e accesos, para renovar zonas urbanas e garantir a conectividade e sostibilidade do tecido urbano, nas que se enmarca a actuación na rúa Rubalcava visitada hoxe.