Agustín Reguera destaca a aposta pola calidade e a sostibilidade dos establecementos turísticos galegos
O Hotel Ría Mar recibiu unha achega de case 170.000 euros no marco das axudas para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turística
O establecemento acadou a categoría de tres estrelas superior tras executar diferentes actuacións de mellora apoiadas pola Xunta
Poio (Pontevedra), 14 de maio de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, asistiu ao acto celebrado con motivo da subida de categoría do Hotel Ría Mar, no concello de Meaño, que pasa a contar coa cualificación de tres estrelas superior tras acometer diversas actuacións de modernización e mellora.
Cabe destacar que este establecemento recibiu unha axuda da Xunta de case 170.000 euros ao abeiro da liña destinada a actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, un programa orientado a impulsar a modernización do sector e avanzar cara a un modelo máis sostible e competitivo.
En concreto, as actuacións levadas a cabo permitiron mellorar a climatización mediante a instalación dun sistema de bomba de calor, incorporar unha instalación fotovoltaica de 50,6 kW, renovar as instalacións de iluminación con tecnoloxía LED e substituír o equipamento de lavalouzas por outro máis eficiente.
O delegado territorial destacou durante o acto “o esforzo realizado polo Hotel Ría Mar para seguir mellorando os seus servizos e adaptarse ás novas demandas do sector turístico, apostando pola sustentabilidade e pola eficiencia enerxética como elementos clave para o futuro”.
Neste sentido, lembrou que “a Xunta continúa apoiando ao tecido turístico galego para que poida modernizar as súas instalacións, reducir custos enerxéticos e ofrecer unha experiencia de maior calidade aos visitantes”.