A Xunta aposta polas persoas autónomas cunha nova convocatoria das axudas para a promoción do emprego integrada na orde unificada
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, puxo o foco nesta convocatoria durante a visita a dous dos beneficiarios do pasado ano
Este programa conta cun orzamento de 28,9 M€ e é un dos cinco incluídos na convocatoria unificada para persoas traballadoras autónomas
En concreto o Programa de Promoción do Emprego Autónomo conta con dúas liñas compatibles entre si, e mantén aberto o prazo de solicitudes ata o 30 de setembro
Ferrol, 15 de maio de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, fixo hoxe fincapé no apoio do Goberno galego ás persoas autónomas, destacando as axudas para a promoción do emprego autónomo. Este programa de achegas é un dos cinco integrados na convocatoria unificada para persoas traballadoras autónomas (40,7 M€), e conta este ano cun orzamento concreto de preto de 28,9 M€.
Durante a mañá, Aneiros visitou a dous dos beneficiarios da anterior convocatoria en diferentes concellos da Delegación: o restaurante Kthai 21, en Ferrol e a Peixería Marina, en Fene. Os propietarios destes establecementos recibiron o pasado ano no eido deste programa unhas achegas de preto de 5.000 euros no caso do restaurante, e de máis de 5.500 euros no da peixería
Esta orde conta con dúas liñas de axudas compatibles entre si. A primeira delas está dirixida ao inicio da actividade económica e ao mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma. Os beneficiarios desta modalidade poderán recibir unha contía base de 2.000 euros, no caso das persoas desempregadas en xeral, ou de 4.000 euros no caso de menores de 30 anos, maiores de 52, desempregados de longa duración, persoas con discapacidade ou en situación de dependencia, persoas en situación ou risco de exclusión social, emigrantes retornados ou persoas estranxeiras. Estas cantidades contemplan tamén uns incrementos acumulables do 15% da base, aplicables se o beneficiario ten o seu centro de traballo nun concello rural, é muller, unha persoa trans, realiza un oficio no que a muller estea subrepresentada ou ten máis de 45 anos (esta última non será aplicable no caso de recibir a achega base como maior de 52 anos). A contía máxima non poderá superar os 7.000 euros.
A segunda liña, por outra banda, está destinada a sufragar os gastos do mantemento da actividade por conta propia, sendo a axuda o equivalente a 12 meses da cota reducida á Seguridade Social por continxencias comúns e profesionais, unha cantidade de 960 euros. No caso de tratarse dun CNAE agrícola, gandeiro ou silvícola, como novidade introducida nesta convocatoria, a achega será o equivalente a 24 meses da cota, é dicir, 1.920 euros.
Aneiros destacou a dedicación dos autónomos e “a súa importancia para a economía galega”, remarcando o apoio da Xunta, “que se sitúa unha vez máis ao carón destes traballadores con accións como estas achegas, que deixaron o ano pasado na nosa zona máis de 1,4 M€”, apuntou. Aproveitou tamén para recordar que o prazo de solicitude da actual convocatoria está aberto ata o 30 de setembro.