Máis de 50 empresas do naval, a automoción, a construción ou o aeroespacial optan ás axudas da Xunta para a certificación como subministradoras do sector da seguridade e a defensa
A liña de apoios enmárcase na Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo (IESDA), que está dotada cun orzamento de 1,5 M€ e achega ata 75.000 € de axuda por proxecto
Santiago de Compostela, 17 de maio de 2026
A Xunta de Galicia recibiu un total de 52 solicitudes na convocatoria de axudas ás empresas para a certificación como subministradoras do sector da seguridade e da defensa así como para a elaboración de proxectos para participar en convocatorias nacionais e europeas neste eido.
Esta liña de apoios, dirixida a empresas galegas ou con centro de traballo en Galicia, impúlsase no marco da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda), está dotada cun orzamento de 1,5 M€ e achega ata 75.000 € de axuda por proxecto.
As empresas solicitantes proceden de ámbitos como o naval, o metalmecánico, o aeroespacial, o tecnolóxico, o transporte, o mantemento industrial, a automoción, a electricidade e a electrónica, a consultaría, a construción, a enxeñaría ou a fabricación aditiva, o que da resposta ao obxectivo da Xunta de Galicia de apoiar a empresas doutros sectores ou a novas empresas para que diversifiquen a súa actividade e se incorporen aos sectores do aeroespazo, a seguridade e a defensa.
A convocatoria cobre cinco ámbitos de actuación: a primeira inscrición e preparación de documentación para o Rexistro de Empresas da Dirección Xeral de Armamento e Material; a implantación de sistemas de xestión da calidade conforme aos estándares do Ministerio de Defensa e da OTAN e os gastos de consultaría e certificación; a preparación técnica e ensaios en laboratorios acreditados para sistemas ou produtos; os trámites necesarios ante o CNI para obter habilitacións de seguridade de seguridade da empresa (HSEM) e de establecemento (HSES); así como a asistencia técnica especializada para a elaboración de proxectos en convocatorias nacionais ou europeas de defensa.