A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou unha actuación en Vilar de Barrio que se financiou ao abeiro destes apoios autonómicos
A Xunta pon os concellos ourensáns como exemplo de compromiso coa acción climática ao recibir o 42% do orzamento das axudas para o impulso de espazos verdes
Ángeles Vázquez salienta que este é o segundo ano que o Goberno galego convoca unha liña de axudas para apoiar os municipios no desenvolvemento de políticas locais de adaptación fronte ao quecemento global
Fai fincapé en que 10 concellos ourensáns recibirán preto de 600.000 euros para acometer 11 proxectos, o que fai que esta provincia sexa tamén a que conta cun maior número de municipios beneficiarios
Subliña que a Xunta seguirá promovendo políticas e iniciativas que axuden a converter as entidades locais galegas en lugares máis verdes, adaptados ao cambio climático e cunha mellor calidade de vida
Ao abeiro destes apoios, o Concello de Vilar de Barrio está a adaptar a praza do Toural para que a poboación se poida refuxiar tanto do sol como da choiva coa instalación dunha cuberta vexetal e a próxima implantación dun xardín vertical
Vilar de Barrio (Ourense), 15 de maio de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe os concellos ourensáns como exemplo de compromiso coa acción climática logo de que recibisen o 42% do orzamento das axudas convocadas pola Xunta para o impulso de espazos verdes.
Segundo dixo a conselleira durante a visita que realizou esta mañá á actuación proxectada polo Concello de Vilar de Barrio ao abeiro destes apoios, este é o segundo ano que o Goberno galego convoca unha liña de axudas para apoiar os municipios no desenvolvemento de políticas locais de adaptación fronte ao cambio climático. En concreto, fináncianse proxectos municipais destinados a previr os riscos derivados do quecemento global en espazos urbanos e periurbanos, así como para identificar e crear espazos que actúen como refuxios climáticos.
Nesa liña, Ángeles Vázquez fixo fincapé en que 10 concellos ourensáns recibirán preto de 600.000 euros para acometer 11 proxectos, o que supón o 42% do orzamento global desta orde de axudas -1,4 millóns de euros-. Ademais é tamén a provincia cun maior número de concellos beneficiarios (10), seguida da Coruña (8), Lugo (7) e Pontevedra (6).
Cómpre indicar que todos os proxectos reciben a máxima subvención posible -o 80% do orzamento subvencionable ata un máximo de 60.000 euros-. Nese senso, a conselleira puxo en valor que ese máximo foi acadado por nove proxectos, dos que seis se executarán na provincia de Ourense.
Ángeles Vázquez subliñou que a Xunta seguirá promovendo políticas e iniciativas que axuden a converter as entidades locais galegas en lugares máis verdes, adaptados ao cambio climático e cunha mellor calidade de vida.
Reforzar as zonas verdes e a atenuar o efecto illa de calor
De feito, estas axudas, cuxa resolución se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, teñen como obxectivo financiar actuacións en espazos públicos orientadas tanto a atenuar o efecto illa de calor como a reforzar a biodiversidade e as zonas verdes de áreas urbanas e periurbanas.
No primeiro caso subvencionaranse intervencións dirixidas á identificación e adecuación de refuxios climáticos, entendidos como espazos cunha relativa estabilidade e condicións ambientais favorables que os converten en lugares idóneos para combater as altas temperaturas e ofrecer protección á poboación.
No segundo grupo, que concentra a maior parte das subvencións concedidas este ano, encaixarían iniciativas de sombreado natural en rúas e prazas co plantado de árbores, preferiblemente autóctonas; intervencións para reducir a impermeabilidade do solo e aumentar a drenaxe; a creación de microclimas co uso de láminas de auga; a implantación de xardíns verticais e cubertas verdes en infraestruturas públicas; a restauración de zonas húmidas ou a mellora da colectividade entre medio urbano e periurbano mediante sendas.
Adaptación da praza do Toural de Vilar de Barrio
De feito, a actuación que visitou hoxe a conselleira en Vilar de Barrio, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, ten como obxectivo adaptar a praza do Toural para que a poboación se poida refuxiar tanto do sol como da choiva.
Así, ao abeiro das axudas da convocatoria de 2025 instalouse unha cuberta vexetal e, segundo avanzou Ángeles Vázquez, o Concello recibirá este ano outros 60.000 euros para seguir mellorando esta contorna a través da implantación dun xardín vertical e de accións de mellora da conectividade entre espazos.
En concreto, a nova actuación incrementará as zonas axardinadas con especies vexetais de baixo mantemento que non requiran dun elevado consumo de auga nin dunha atención continuada para, deste xeito, maximizar os recursos naturais e públicos.