A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na reunión da Comisión de Seguimento da planta de San Cibrao
Lorenzana solicita ao Goberno que convoque os permisos de acceso e conexión dos parques eólicos vinculados a Alcoa
Apela á “sensibilidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico coa necesidade industrial que ten esta fábrica en Galicia”, posto que dispoñer deses permisos que decaeron “é fundamental para abaratar os custos enerxéticos da planta”, di
Considera unha boa noticia que Alcoa vaia contar con 40 M€ do Perte de Descarbonización para poder cofinanciar a construción do forno de ánodos
Apunta que a Xunta prosegue coa tramitación do proxecto de acrecentamento do depósito de lodos vermellos que, asegurou, “vai en tempo e forma”
Con respecto aos parques eólicos de competencia autonómica, indicou que se está á espera de que se alcen as suspensións ditadas polo TSXG
A Coruña, 15 de maio de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, solicitou hoxe ao Goberno que volva convocar “de xeito inmediato” os permisos de acceso e conexión dos parques eólicos de tramitación estatal vinculados a Alcoa antes de que decaian as súas declaracións de impacto ambiental, que teñen unha duración de catro anos prorrogables outros dous, lembrou.
Lorenzana participou hoxe na 19 reunión da Comisión de Seguimento de Alcoa, onde apelou á “sensibilidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, coa necesidade industrial que ten esta fábrica en Galicia”, posto que dispoñer deses permisos que decaeron “é fundamental para abaratar os custos enerxéticos da planta a través de PPA (contratos de compravenda e enerxía a longo prazo)”, dixo.
Por parte da Xunta, a conselleira apuntou que se prosegue coa tramitación do proxecto de acrecentamento do depósito de lodos vermellos solicitado por Alcoa que, asegurou, “vai en tempo e forma”. Segundo informou, xa se recibiron seis dos 16 informes correspondentes e estase traballando nas alegacións. Por outra banda, con respecto aos parques eólicos de competencia autonómica, indicou que se está á espera de que se alcen as suspensións ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
A conselleira considerou, tamén, unha boa noticia que Alcoa vaia contar con 40 millóns de euros do Perte de Descarbonización para poder cofinanciar a construción do forno de ánodos. Nese sentido, precisou que é agora a empresa quen ten que indicar cales van ser os prazos para comezar con esa infraestrutura.
Neste contexto, Lorenzana, que quixo agradecer que a xuntanza se celebrase en Galicia, avanzou que ese será o asunto a tratar na vindeira reunión que se celebre, á que todas as partes quedaron emprazadas, concluíu.