María José Gómez enxalza o papel dos enxeñeiros agrícolas na modernización do campo galego

A conselleira do Medio Rural participou no acto de entrega dos Premios ao Recoñecemento Colexial San Isidro Labrador que outorga o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense

Subliñou que os enxeñeiros fan posible que o campo sexa cada vez máis moderno, competitivo e sostible, mediante a incorporación de novas tecnoloxías, a mellora das producións e a apertura de oportunidades para o sector agroalimentario

Ourense, 15 de maio de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, agradeceu e puxo en valor hoxe o papel dos enxeñeiros agrícolas na modernización do campo galego e a súa contribución para axudar a construír “unha Galicia rural viva e dinámica”. Foi durante a súa intervención na entrega dos Premios ao Recoñecemento Colexial San Isidro Labrador que outorga o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense.

Neste acto, a conselleira definiu o rural galego como unha “enorme oportunidade”, porque “hai talento, innovación, emprendemento e calidade de vida”, e todo isto en gran medida grazas a profesionais como os que integran este colectivo, aseverou. Así, subliñou que os enxeñeiros fan posible que o campo sexa cada vez máis moderno, competitivo e sostible, mediante a incorporación de novas tecnoloxías, a mellora das producións e a apertura de oportunidades para o sector agroalimentario. Salientou especialmente a súa capacidade para unir coñecemento técnico, experiencia e compromiso coa terra.

Deste xeito, engadiu a conselleira, contribúese a que moitas persoas poidan desenvolver o seu proxecto vital nas vilas e aldeas galegas, manténdoas así vivas, algo que ten especial valor en Galicia, xa que “o rural forma parte da nosa identidade, paisaxe e maneira de entender a vida”.

Nesta liña, Gómez sinalou que “estamos vivindo un momento moi ilusionante para o sector gandeiro e agroalimentario galego”, con produtos de gran calidade e iniciativas innovadoras. Asemade, destacou que as explotacións da nosa comunidade están á vangarda da modernidade e son referencia para outras rexións de España e Europa e comprometeu á administración a seguir traballando no futuro, ao carón destes profesionais, apoiando un “sector estratéxico” para Galicia.

Data de actualización: 15/05/2026